Opinión

Cando a morte se torna vital

No Informe sobre o final da vida e atención no proceso de morrer, no marco do debate sobre a regulación da eutanasia: propostas para a reflexión e a deliberación, o Comité de Bioética de España, órgano consultivo vinculado ao Ministerio de Sanidade, rexeita por unanimidade dos seus 12 membros a consideración desta como un dereito subxectivo e, nesa medida, faino tamén a súa inclusión como unha prestación pública.

As razóns que emprega o comité citado ao longo das 74 páxinas das que consta o informe merecerían unha emenda á totalidade, ao repetir moitos dos argumentos que as posicións conservadoras recorren para descualificar moralmente o dereito individual a solicitar axuda institucional a poñer fin á propia vida cando se expresa dun modo reiterado e voluntario, cando se ten unha enfermidade incurable ou incapacitadora, e cando esta provoca unha fonda dor en quen a padece, que son as condicións tradicionais que tentan lexitimar moral e legalmente as solicitudes de eutanasia e suicidio asistido.

Deste xeito, o Comité invoca argumentos nos que se defende a consideración da protección da vida humana como valor ético supremo —sacralizándoa fronte a calquera outro que segundo certas condicións a discuta—, esaxera os perigos potenciais que se deriven do uso inadecuado do dereito a morrer —na que dun modo oracular, e conforme á hipótese da pendente esvaradía, prevese a desvalorización paulatina da vida humana, o cal abre a porta a praxes amorais como o homicidio selectivo de anciáns improdutivos e excesivamente caros de manter—, apela á inmoralidade das prácticas médicas que intencionadamente causen dano ao enfermo —a pesar da vontade libremente expresada por este de poñer fin ao seu sufrimento—, discute a capacidade do Estado para arrogarse o dereito a decidir sobre a morte dos individuos —deixando de lado a discutible lexitimidade moral de manter con vida a alguén que nunha situación agónica non o desexa— para finalizar defendendo a suficiencia das medidas paliativas sobre as eutanásicas —presupoñendo que a adecuada prescrición das primeiras pode anular a necesidade das segundas—. Con tales argumentos antigos e manidos o Comité de bioética afirma construír unha ética sanitaria sustentada no principio dos coidados, na que non cabe a eutanasia por tratarse esta máis dunha agresión ao vulnerable que dunha técnica compasiva e respectuosa con este.

Non obstante, á posición citada, na que a ética dos coidados cobra sentido na medida en que fai prevalecer o dereito á vida do enfermo incluso por riba da súa vontade, cabe oporlle outra na que o fundamento básico dos coidados é precisamente o respecto á autonomía de cada persoa a decidir por si mesma en tódolos aspectos da súa vida nos que pode facelo, sen que con tal decisión dane os outros. O cal no contexto sanitario inclúe tanto o dereito do paciente a outorgar consentimento ás terapias que se lle prescriban como o control sobre os límites da súa propia existencia, debéndose por iso mesmo outorgarlle lexitimidade para, baixo as condicións descritas, solicitar axuda institucional se desexa rematar ca mesma.

Unha verdadeira ética do coidado debe promover a defensa da integridade da persoa e a súa libre capacidade de decisión, sobre todo en contextos de especial fraxilidade e sufrimento, dos que son exemplares os casos de longas e dolorosas enfermidades. Dese xeito evítase a caída en posicións paternalistas que obrigan a continuar coa vida a aqueles que xa non o desexan, mantendo unha postura despótica moi propia daqueles ilustrados que cren saber mellor que as outras aquilo que lles convén. Só sendo abertos e tolerantes coa diferenza, o cal implica estar dispostos a escoitar e atender as necesidades das demais, incluso en situacións tan extremas como as formuladas no contexto das prácticas eutanásicas, axudaremos a evitar que moitas persoas permanezan abandonadas no limbo da incomprensión, a agonía e o sufrimento, facilitando que sexa legalmente lexítimo desenvolver aquelas praxes clínicas onde a petición de morte se volve un asunto de vital importancia.   

Comentarios