Opinión

Cataluña, novo estado de Europa? (e II)

Arestora hai sete partidos no Parlamento de Cataluña. Dous deles (Esquerra Republicana de Catalunya —ERC— e Solidaritat Catalana per la Independència —SI—) son independentistas.

Arestora hai sete partidos no Parlamento de Cataluña. Dous deles (Esquerra Republicana de Catalunya —ERC— e Solidaritat Catalana per la Independència —SI—) son independentistas. Outro (Convergència i Unió —CiU—), que é unha federación, éo desde hai pouco tempo por mor da presión social e de boa parte dos seus membros, aínda con algunha lea interna provocada polos que son máis amiguiños da corte madrileña. Non hai que esquecer que unha cuarta formación (Iniciativa per Catalunya Verds —ICV—) non é independentista mais si de esquerdas e ecoloxista, polo tanto, defende o dereito á autodeterminación aínda que non promova un sentido concreto do voto.

Só con estes, os partidos que antes das eleccións están a favor do dereito a decidir xa teñen maioría absoluta en Cataluña. Os que están en contra son o PSC, que tornou da cúpula o sector máis catalanista do partido e está só no mundo avogando por un estado federal; o PP, que leva a cabo a estratexia do medo e tenta dividir a sociedade en dúas metades coma se Cataluña non fose unha rede complexa multiétnica e multilingüe; e Ciutadans, que viría sendo o que combina unhas certas políticas sociais coa negación da nación catalá e coa defensa da unidade de España da man dun líder ben preparado, que domina a oratoria e que ten só trinta e tres anos. Dito doutro xeito, Carmen de Mairena non o superaría en votos, como si superou UPyD no ano 2010.

A cuestión clave nestas eleccións é que se conciben coma un plebiscito para que o pobo catalán vote partidos cuxos programas recollan directamente o dereito a decidir. Evidentemente, esta proposta xa a contemplaban antes algunhas formacións; o novo nestes comicios é que CiU, o equivalente do PPdG —o de antes...—, aposta tamén pola creación dun estado propio. Unha das poucas cousas que os distingue do PPdG é que CiU ten claro que a lingua catalá e a inmersión lingüística son o eixo intocable de Cataluña, mais iso tampouco o puña en dúbida Montilla. O outro feito non menos importante é que por primeira vez concorre ao Parlamento a Candidatura d'Unitat Popular (CUP), xa presente en moitos concellos, cun programa social de esquerdas, rexenerador e independentista que entende a secesión do principado de Cataluña como primeiro paso cara á reunificación dos Países Cataláns.

Volvendo á transversalidade do independentismo, o momento actual é de tanta emerxencia que persoas de todos os sectores van ir votar para resolver o conflito Cataluña-España sen teren en conta o modelo de país. É dicir, van escoller simplemente aquelas forzas que apoien a secesión, aínda que non quede claro como queren que sexa o estado resultante. De aí que os neoindependentistas de CiU vaian ter tantos apoios mesmo de xente de esquerdas que nunca lles concedera o seu voto. ERC moderouse e ofreceu o seu apoio a CiU ata o punto de o seu candidato, o historiador e divulgador Oriol Junqueras, definir o partido como de centroesquerda e socialdemócrata, ademais de asegurar que o español tamén sería lingua oficial nunha Cataluña independente. Non é un debate menor, estase discutindo moito —que é do que se trata...— sobre o modelo lingüístico do novo estado e xa veremos como se resolve.

No entanto, moitos entendemos que a independencia é imprescindible para non desaparecermos como pobo mais sen esquecermos a construción dun estado socialmente xusto que rache de vez coas desigualdades e os abusos que vimos sufrindo todos os días desde hai demasiado tempo e aos que parece que xa nos afixemos. A CUP é a única formación que traballa claramente por esta dobre vía de actuación, e a iso deberá o éxito que poida ter. Sen representación parlamentaria aínda, está a facer unha campaña renovadora con poucos medios, aproveitando todo o potencial das redes sociais e o voluntarismo das persoas que a compoñen —procedentes dos movementos veciñais e independentistas de base— e enchendo ata quedar xente fóra os actos de campaña. É doado establecer o paralelismo co que aconteceu nas eleccións galegas do día vinte e un.

Finalmente, a disputa sobre a segunda forza é puramente simbólica. Polo que parece, pode haber tres segundas forzas, a saber, ERC, PP e PSC —por orde alfabética— que se distanciarían entre si por unha escasísima diferenza en escanos. Ademais, sería unha segunda forza a case cincuenta deputados da primeira (sigo as enquisas) e sen capacidade de decidir unha alternativa, xa que a maioría vai seguir sendo claramente soberanista. E sería traizoar moito a sociedade civil, que é quen máis ordena en Cataluña, se esta nova maioría non convocase un referendo para que poidamos decidir nas urnas como queremos estar no mundo. Mais non sería a primeira vez que o bipartito que gobernou a Generalitat durante máis de vinte e cinco anos sofre un trasacordo. O problema e a responsabilidade, entón, será de quen lle dea o seu voto o próximo domingo.

Comentarios