Opinión

Cataluña, novo estado de Europa? (I)

Dicíanme aí atrás que en Cataluña ultimamente só se fala de sexo e de política. Se alí xa somos agorafílicos por natureza —non en van as Cortes Catalás veñen do século XIII—, nestes últimos tempos á paixón sumóuselle o momento excepcional que vivimos e a convocatoria dunhas eleccións anticipadas cuxo resultado pode mudar a historia do país, e non só.

Dicíanme aí atrás que en Cataluña ultimamente só se fala de sexo e de política. Se alí xa somos agorafílicos por natureza —non en van as Cortes Catalás veñen do século XIII—, nestes últimos tempos á paixón sumóuselle o momento excepcional que vivimos e a convocatoria dunhas eleccións anticipadas cuxo resultado pode mudar a historia do país, e non só.

España é un estado totalitario que fracasou no seu intento de ser nación; trescentos anos despois de ocupar os Países Cataláns pola forza das armas resulta que nin os deron españolizado nin acabaron coa súa lingua, coa súa conciencia nacional e, o que é máis importante, coa súa vontade de constituírse nun suxeito político soberano para estar no mundo en pé de igualdade co resto dos pobos. Por riba, ven como moitas persoas de España que emigraron a Cataluña son hoxe cidadáns deste país que apostan pola súa independencia como tamén fan os seus fillos e netos. E, o que máis os alarma e os desarma: sen violencia, só coa palabra e coa forza dos movementos sociais, traducida en votos nun parlamento xa agora maioritariamente a favor de exercermos o noso dereito (como o seu nome indica) á autodeterminación.

Outra cousa que non entenderon é que o independentismo en Cataluña non é unha consecuencia da crise (se Feijoo soubese que en catalán se di crisi...). Se cadra a crise avivouno e espertou os desexos de independencia de moitas persoas para as que non era unha prioridade, mais é un movemento que vén de lonxe, no que houbo miles de persoas e de organizacións traballando ao longo do século vinte e que medrou moitísimo nos últimos quince anos ata ser maioritario segundo todos os estudos. Isto non hai crise que o consiga aínda que, se fose así, moitas grazas ás elites que a provocaron.

Hai quen di que os problemas reais son outros, que disto non nos temos que preocupar agora. Adoitan ser os mesmos que din que a identidade non é importante mais que comezan a berrar, a xesticular e a ampear se non ondea unha bandeira española nalgún edificio público. Coido que non entenderon que está todo tan mal que non temos máis remedio que preocuparnos de moitas cousas ao mesmo tempo, e que temos a capacidade de facelo. Somos moitas persoas as que levamos anos traballando, cada un coas súas posibilidades e desde a súa pequena achega á causa común, pola independencia de Cataluña ou dos Países Cataláns. Por que teñen máis lexitimidade eles de aproveitaren a crise para reducir os nosos dereitos e non nós para completar o proceso de independencia ao que tantas décadas hai que lle dedicamos os nosos esforzos?

Outra pregunta habitual é se, a diferenza do que acontece na Galiza, hai independentismo que non sexa de esquerdas. Non é que o haxa, senón que é transversal a toda a sociedade catalá. É dicir, hai partidarios da emancipación nacional en todas as clases sociais e, dentro de cada unha delas, en sectores de calquera espectro político. Do mesmo xeito que o españolismo tamén está presente ao longo e largo da sociedade catalá. A cuestión central nestas eleccións é que poidamos comprobar nas urnas cal destas dúas correntes ten maioría e, xa que logo, forza para materializar as súas propostas.

Comentarios