Opinión

De cando o feminismo non tiña nome

A sindicalista Carmen Segurana, será distinguida este 8 de marzo, co Premio Ernestina Otero 2013 polo Consello Municipal da Muller de Vigo. Na súa primeira edición, este galardón recebe o nome de Ernestina Otero en homenaxe á importantísima educadora galega (Redondela, 1890-1951) a quen o goberno da II República encomenda unha reforma en profundidade do ensino.

A sindicalista Carmen Segurana, será distinguida este 8 de marzo, co Premio Ernestina Otero 2013 polo Consello Municipal da Muller de Vigo. Na súa primeira edición, este galardón recebe o nome de Ernestina Otero en homenaxe á importantísima educadora galega (Redondela, 1890-1951) a quen o goberno da II República encomenda unha reforma en profundidade do ensino. Emprenderá este traballo desde a dirección da Escola de Maxisterio e o Consello Provincial do Primeiro Ensino (1933-1935). O labor de E. Otero abrangue tarefas fundamentais para a integración no ensino de materias científicas e humanísticas cruciais para o desenvolvemento social na Galiza. Resultou ser ademais unha pioneira na coeducación que conseguirá espazos mixtos na Escola Normal de Pontevedra; soamente unhas breves pinceladas.

Canto á premiada, Carme Segurana (Valencia, 1935) é unha das pioneiras na militancia esquerdista no noso país. Ata hai ben pouco tempo, poderíase dicir que as manifestacións non se iniciaban sen Carmen Segurana; cincoenta anos militando a prol dos dereitos d@s traballador@s, no MDM e no sindicato CC.OO.

 "As manifestacións non se iniciaban sen Carmen Segurana; cincoenta anos militando a prol dos dereitos d@s traballador@s"

Foi a primeira entrevistada para o meu libro “Feministas Galegas, claves dunha revolución en marcha”. Quería averiguar como se mobilizaba a centos de mulleres cando o feminismo aínda non tiña nome. Chamoume a atención que Carmen se referira á liberación, á emancipación das mulleres, pero nunca pronunciara a palabra feminismo, como se se tratara dun tema tabú.

C. Segurana comeza a súa andaina no “Club de Amigos da UNESCO”, a única organización legal daquela. Despois se infiltrarán nas amas de casa e impulsará desde finais dos 60 en Vigo o Movemento Democrático de Mulleres (que emerxe no ano 65) como tarefa prioritaria. Paralelamente, traballará na clandestinidade no sindicato CC.OO. A organización comeza a ter moita forza en Galicia e as mulleres conseguen moverse con certa autonomía do PC e preparar preparar un congreso constituínte para o 12 de marzo do 72.

O MDM ao que a AGM tachaba de reformista, levará a cabo un interesante labor de concienciación de mulleres, que comeza paseniño, en asembleas clandestinas, rubindo polo Monte da Madroa para evitar aos grises; formando grupos de apoio aos presos comunistas; denunciando a caristía da vida, a represión, polo que algunhas pagaron coa cadea. As mulleres do MDM serán pezas clave nas mobilizacións obreiras de Vigo ou Ferrol, a finais do 70.

"As mulleres do MDM serán pezas clave nas mobilizacións obreiras de Vigo ou Ferrol, a finais do 70".

A partir do 75 Carmen emociónase narrando as campañas feministas como as do divorcio e a legalización do aborto e os método anticonceptivos. Campañas de denuncia radical contra o poder eclesiástico, encadeándose nas sedes episcopais, como máis adiante faría a AGM, que nunca soñara ningún partido de esquerdas. Era creativas e valentes; antes que Carrillo xa usaran elas a perruca para camuflarse.

En Vigo, conta Segurana, coláronse entre as amas de casa, pero tamén na Asociación Cultural. “Había currantes e intelectuais”, por máis que no feminismo as currantes dábanlle a todo. Algúns panfletos e o voceiro artesanal "A muller e a loita" (a multicopista, ou vietnamita) dan conta dos pasos do MDM.

Parabéns Carmen Segurana, por ese recoñecemento, e grazas por resistir.

Comentarios