Opinión

Manual filosófico para a supervivencia electoral I

Votar ou non votar A abstención: Distínguense unha de tipo técnico, debida ás dificultades para exercer o voto (defectos do censo, enfermidade, distancia ao colexio electoral…); a abstención sociolóxica, orixinada por un desinterese pasivo pola política; e a abstención

Votar ou non votar

A abstención: Distínguense unha de tipo técnico, debida ás dificultades para exercer o voto (defectos do censo, enfermidade, distancia ao colexio electoral…); a abstención sociolóxica, orixinada por un desinterese pasivo pola política; e a abstención política que expresa o descontento e a desmotivación pero tamén unha creba na aceptación e o consentimento dos gobernados respecto aos gobernantes.

Anomia: En socioloxía, consiste nunha incapacidade da estrutura social para prover a certos individuos daquilo necesario para acadar as metas estipuladas pola sociedade. De acordo con Merton existen cinco tipos de reaccións ante a imposibilidade de que os suxeitos acaden as súas aspiracións ao través dos medios lexítimos: conformismo, ritualismo, rebelión, innovación e retraemento.

Silencio: En psicanálise, o xeito de entenderen o silencio foi mudando co tempo. Ao primeiro, cando Freud publicou a súa monografía sobre a Afasia, o silencio era o resultado dunha lesión cerebral (non se fala ao non poder). No traballo titulado Proxecto dunha Psicoloxía Científica, estableceu a posibilidade de perder a fala como resultado dun trauma (non se fala do que doe). E, por último, no volume As neuropsicoses de defensa, Freud reinterpreta o silencio como a expresión activa dunha estratexia defensiva (o que doe se conta doutro xeito).

Abstinencia: Renuncia voluntaria a compracer un desexo ou un apetito corporal coa finalidade de realzar a espiritualidade ou a moralidade. Nun contexto relixioso, a abstinencia persegue elevar o individuo cara a un ideal elixido ao través do camiño da renuncia. A abstinencia sinala obxectos do pracer como elementos impuros.

Capitalismo: Max Weber trazou unha relación entre a ética protestante e o espírito do capitalismo: existen virtudes morais (o ascetismo, a austeridade e a racionalidade) que contribúen a unha crecente acumulación de riqueza na sociedade, a frear os impulsos lucrativos irracionais e a seleccionar os individuos máis dignos de crédito (o enriquecemento é un sinal da salvación eterna).

Walter Benjamin, pola contra, vía no capitalismo unha relixión (e non unicamente unha secularización da fe protestante): todo ten significación en relación ao cumprimento dun culto (e non dun dogma ou unha idea), o culto é permanente (sen tregua nin respiro) e non busca a expiación senón a culpabilización dos seus fregueses.

Ante mensaxes como os de Cospedal (non pagar aos deputad@s) ou os de Núñez Feijoo (diminuír o número de parlamentari@s) de fixo que escoitarán vostedes multitudes culpabilizadoras que aplauden estas iniciativas ao tempo que proclaman a súa intención de non ir votar. Por todo isto, propoñemos os seguintes consellos de supervivencia:

  1. Distinga (na clase política) entre discurso e sermón.

  2. Distinga (na cidadanía) aqueles que afirmando estar na abstención atópanse, en realidade, na abstinencia: o non votar como xeito de afastarse do impuro mentres, pola contra, proseguen o culto ao consumismo e ao poder financeiro.

  3. Se nota sentimentos de culpa ao depositar o voto na urna, lembre que identificar a democracia como un acto esencialmente impuro do que cómpre separarse é o propio do capitalismo como relixión.

  4. Calar de todo é imposible, mesmo o silencio sempre ten significado. A crise foi algo traumático que “nos deixou sen fala”. Do “silencio” nas eleccións dirán que só pode ser técnica, sociolóxica ou política. Os outros silencios da anomia (Merton) e das estratexias de defensa (Freud) non serán analizados no Partido Popular para mellorar a estrutura social.