Opinión

Manual filosófico para a supervivencia electoral III: Orientacións

Orientacións Arriba-abaixo, dentro-fora, esquerda-dereita, diante-detrás: Houbo un tempo no que o sistema capitalista estaba moi interesado na cuestión dos límites.

Orientacións

Arriba-abaixo, dentro-fora, esquerda-dereita, diante-detrás: Houbo un tempo no que o sistema capitalista estaba moi interesado na cuestión dos límites. Estes podían tomar a forma de fronteiras, de xerarquías, psicolóxicos, de poderes (executivo, lexislativo, xudicial), económicos (financeiros, empresarios, consumidores) etc.
Os límites, a súa trazabilidade e o seu trazador eran parte das regras de xogo na sociedade ata poder mudar a expresión “o estado xurde ao ter o monopolio da violencia” a esoutra frase “o estado xurde ao seren quen de trazar os límites”. Algúns entenderon estes límites en termos de “normas de convivencia”, “regras democráticas”, “leis de xogo” ata a creación dunha categoría inestable (os antisistema) formulada dende un discurso de aparencia ética. Os antisistema estarían “abaixo”, “fora”, na “esquerda” e “detrás”.

Unha planeta sen meridianos nin paralelos: No tempo e na era da hipermodernidade quizais podamos establecer como unha das súas características esenciais o absoluto desinterese por parte do poder na traza e o establecemento de límites. A globalización non é outra cousa que a capacidade de perfundir a todas as sociedades e de estender a todos os mundos unha mensaxe: os límites non existen e, de existiren, son lóxicos e inmodificábeis.

Noutras palabras, cando vostede se atope cun límite (por exemplo a imposibilidade de que lle devolvan os cartos das preferentes) non haberá Deus que o poda mover e se está aí é “porque o mundo é así”. Ou, noutro exemplo, limitar a sanidade ou a educación é “necesario”. A separación por excelencia do rancio é a establecida entre homes e mulleres e por iso o Partido Popular non lle encontra impedimento á segregación nas aulas.

A austeridade (velaí outro límite) non é un proxecto elixido por uns gobernantes senón que todos farían o mesmo porque é “un límite obrigatorio”.

Deste xeito semella que a sociedade occidental mudou dun mundo no que era preciso establecer uns límites e así categorizar aos suxeitos (o gran límite era o telón de aceiro, supoño) ata outro mundo no que os límites non existen e, de existiren, non son cousa da política senón da obriga que xorde da realidade. É unha estraña contradición que na era da globalización aparezan este tipo de “imposibilidades” ontolóxicas, como se a austeridade ou os recortes foran un “corpo” que limita a realidade da existencia dos homes. Na era do virtual, os límites da economía capitalista, son máis naturais que nunca.
 

De onde veñen os homes de negro?: Aínda que o pareza, non é a pregunta dun cativo diante dun libro de contos. Nestes meses que se está a decidir unha “intervención” do estado español fálase destes seres humanos como aqueles que axudarán a atopar os verdadeiros límites. Estas misteriosas criaturas son “europeas”, están “dentro”, veñen de “arriba”, están “no centro” e van “por diante”. Nós, os cidadáns, xa non somos europeos, perdemos esa condición, e somos “gregos, “portugueses”, “irlandeses” ou “galegos”. Moito chirría escoitar este límite nacionalista cando fan apenas uns anos “o nacionalismo está superado pola globalización”.

Consellos de supervivencia:

-Incorporar aos GPS (dentro do submenú “puntos de interese”) a posibilidade de elixir como destino a Luis de Guindos.

-Incorporar aos GPS (dentro do submenú “cambio de voz”) a posibilidade de elixir unha sonoridade semellante á de Núñez Feijoo (e refocilarse de gozo cada vez que diga “xire á dereita” do xeito máis natural do mundo).

-Cando escoite “estase a facer o único posible” pregunte (cunha afectividade neutra) se está de acordo con que os desesperados do mundo “farán o único posible”.

-Refírase a vostede mesmo como europeo en todas as ventaíñas da administración. Pola contra, amose especial interese en especificar o exacto lugar de procedencia de todos os que forman parte do entramado político-finaneiro. En particular, nunca acepte que os “homes de negro” veñen de Europa, en todo caso, veñen a Europa.

-En resumo, propoño a interiorización en cada un de nós dunha brúxula kínica. Sempre nos situará arriba, no centro, dentro e diante como xeito de contrarrestar a brúxula de todos os “homes de negro” que atopas polo mundo. Eses que, sendo parte do problema, preséntanse como os expertos en identificar os límites necesarios e trazalos.

 

Comentarios