Opinión

Manual filosófico para a supervivencia electoral IX. Signos Vitais

SIGNOS VITAIS:  A maioría das escolas de medicina consideran que son catro as constantes vitais: a temperatura corporal, o pulso, a presión arterial e a frecuencia respiratoria. Non obstante, algúns propoñen un quinto signo vital entre dúas propostas, nomeadamente a oximetría de pulso e o tamaño da pupila.

SIGNOS VITAIS:  A maioría das escolas de medicina consideran que son catro as constantes vitais: a temperatura corporal, o pulso, a presión arterial e a frecuencia respiratoria. Non obstante, algúns propoñen un quinto signo vital entre dúas propostas, nomeadamente a oximetría de pulso e o tamaño da pupila.

Cómpre dicir que existe un candidato máis pero é acusado de seren excesivamente subxectivo: a dor.

Cando a cousa se pon crítica, sempre tende a esquecerse o sufrimento.

NÚMEROS DE TELEXORNAL: Unha descrición, dicía o estoico Dióxenes, é un proceso que conduce á realidade ao través das impresións que temos sobre ela. Auguste Comte, filósofo positivista, cría nunha descrición “pura” dos feitos e por iso na súa xerarquía enciclopédica o primeiro posto ocupábao a matemática e o derradeiro, a filosofía.

A descrición escollida para dar conta da crise ten un formato de números: prima de risco, Ibex, IPC, PIB, necesidades da banca…

PITÁGORAS: A relación íntima entre os números e a realidade foi estipulada pola escola pitagórica. Un dos conceptos fundamentais era “a harmonía” nas relacións numéricas xa que o achádego da mesma sinalaba o camiño dos principios certeiros do coñecemento. Por exemplo, Pitágoras tíñalle moita estima ao número dez ao seren o resultado da suma dos catro primeiros enteiros (1+2+3+4) e estes podérense dispoñer en forma dun triángulo perfecto, a tetratkys. E tamén se atribúe o asasinato de Hipaso por difundir fóra da comunidade platónica que a raíz cadrada de dous non é unha fracción.

ECONOMISTAS PITAGÓRICOS: Contar consiste en enumerar cousas pertencentes á mesma clase. Medir consiste en comparar unha magnitude con outra (chamada patrón). Cuantificar é traducir unha cuestión determinada da realidade á linguaxe dos números. Un indicador é unha medida substitutiva de información que permite estudar un concepto abstracto empregando porcentaxes, taxas e razóns para permitir comparacións.

Así, a economía pitagórica (máis renegada da harmonía ca o seu mestre) estipula que a prima de risco é a rendibilidade adicional que quere un inversor (por exemplo, un bárbaro das rexións do norte) por mercar un produto cualificado con risco en vez de seguro.

O BURATO NEGRO: O risco é un burato negro xa que a súa medición sempre acontece logo dunha avaliación, proceso descritivo no que sempre está presente a subxectividade. Por iso, os avaliadores precisan ser xente sabia ou experta, isto é, cunha capacidade de describir o risco mellor que a que faríamos o resto dos mortais. Esta autoridade concedeuse nomeando persoas para formar parte das chamadas Axencias de Avaliación, quen describen unha situación determinada. Logo, os novos pitagóricos (pero faltos de harmonía) xeran números, cantidades, índices e demais.

Faise preciso analizar as súas descricións que, polo menos, deberíamos clasificar nun das catro posibilidades que a teoría da descrición menciona: a prosografía (descrición dos trazos externos dunha persoa), a etopeia (descrición dos trazos psicolóxicos ou morais), o retrato (unha descrición combinada) e a caricatura (descrición na que os trazos físicos e morais preséntanse dun xeito esaxerado acentuando os defectos).

As caricaturas perseguían no seu nacemento unha finalidade cómica ou de burla dos poderosos. Porén, os caricaturistas das axencias de cualificación de risco semellan estar ao servizo do grande capital.

Velaí outro burato negro: mudamos os bufóns por colaboracionistas.

OS NÚMEROS DE FEIJOO: O déficit cero, perfección absoluta da austeridade, é o número favorito de Núñez Feijoo. No outro lado do Atlántico, moi lonxe de Pitágoras, os Maias escribían o cero de catro maneiras mais dúas eran en realidade o xeito de comprendelo. Por exemplo, Nich (flor) podía representar o cero ao ser un indicio de algo que está por chegar, a froita. E un puño pechado representaba o cero ao indicar algo completo (os cinco dedos da man empregados para contar no principio dos tempos). Cero era para os Maias algo completo pero tamén un baleiro.

O déficit cero, número favorito de Feijoo, tamén.

Consellos de supervivencia:

Considere a posibilidade doutros tipos de números que ben poderían cualificar aos políticos e economistas pitagóricos (non harmoniosos). Aínda que complicados, pode chegar a súa mención para que boten a correr se nos vemos ameazados polas súas cifras e as constantes vitais afastadas da dor e do sufrimento.

-Un número narcisista: número de n díxitos que resulta igual á suma das potencias de orden n dos seus díxitos. Exemplo: 153 = 1³ + 5³ + 3³.

-Un número Omirp: número primo que ao inverter os seus díxitos dá outro número primo. Exemplo:1597 e 7951 son primos.

-Número vampiro: Número que se obtén a partires do produto de dous números obtidos a partires dos seus díxitos. Exemplo: 2187 = 27 x 81.

Para rematar, creo necesario afirmar que dende un punto de vista pitagórico non cabe dúbida algunha que “os narcisos vampirizan aos primos”.

E lembren que historiadores reputados afirman que Pitágoras finou ao deixarse morrer de fame.

Comentarios