Opinión

Memoria e poder

A Pontevedra de toda a vida, a que gobernou a cidade desde a Restauración borbónica até finais do século XX (con excepción do breve intervalo da II República), exerceu o monopolio da memoria colectiva impoñendo unha versión do pasado que acabou sendo a versión oficial da historia local. Mellor ca memoria "colectiva" sería chamarlle memoria "selectiva", pois responde aos intereses dunha minoría que exerceu o poder de maneira case ininterrompida ao longo de máis de 100 anos.  Trátase entón dunha memoria de clase, da clase dominante:  a Pontevedra burguesa, ultraconservadora, católica e centralista.

A Pontevedra de toda a vida, a que gobernou a cidade desde a Restauración borbónica até finais do século XX (con excepción do breve intervalo da II República), exerceu o monopolio da memoria colectiva impoñendo unha versión do pasado que acabou sendo a versión oficial da historia local. Mellor ca memoria "colectiva" sería chamarlle memoria "selectiva", pois responde aos intereses dunha minoría que exerceu o poder de maneira case ininterrompida ao longo de máis de 100 anos.  Trátase entón dunha memoria de clase, da clase dominante:  a Pontevedra burguesa, ultraconservadora, católica e centralista.

Os atributos principais desta  memoria selectiva forxáronse no franquismo através de  publicacións periódicas, crónicas, memorias, consignas e celebracións civís e relixiosas.  A repetición e ritualización destes relatos e destas prácticas acabou por convertilas en "tradicións" representativas da máis xenuina identidade pontevedresa. A continuidade dese poder de clase máis alá da morte do Ditador fixo que esa memoria de parte, esa "tradición", se prolongase aínda até finais do século XX.

"A ruptura desa cadea de transmisión do poder e da "súa" memoria en maio de 1999, co cambio no goberno municipal, permitiu que afloraran outros relatos e outros símbolos, outras Pontevedras en definitiva".

A ruptura desa cadea de transmisión do poder e da "súa" memoria en maio de 1999, co cambio no goberno municipal, permitiu que afloraran outros relatos e outros símbolos, outras Pontevedras en definitiva. Non foi unha tarefa doada, xa que a Pontevedra de toda a vida resistiuse a perder o monopolio do poder e da memoria, e mesmo reaccionou con violencia fronte ás mudanzas. Foron varios os escenarios desta loita por construir unha memoria colectiva alternativa, unha memoria que lle dese voz á maioría social silenciada, que reivindicase a Pontevedra republicana e galeguista,  e que pulara pola superación de todo tipo de discriminación: de xénero, de opción relixiosa, de opción sexual, de orixe xeográfica e social, etc.

O campos de batalla desa ruptura coa memoria franquista e posfranquista iniciada en 1999 poden resumirse nos seguintes puntos:

1.-Rehabilitación moral e institucional da Pontevedra ametrallada nas cunetas despois do golpe de Estado de 1936, e de todas as persoas que foron perseguidas por defender ideais de liberdade, progreso social e autogoberno para Galiza. As homenaxes institucionais a Alexandre Bóveda, Castelao e Bibiano Fernández Osorio Tafall ou a celebración institucional do Día de Galiza son exemplos da nova xeira.

2.-Concepción laica das institucións, da que deriva que a participación en celebracións relixiosas é unha opción individual e non unha obriga institucional. O cal é compatíbel co respecto e a colaboración municipal en todo tipo de celebracións relixiosas tradicionais.

3.-Eliminación da figura da raíña festas polo seu carácter sexista, clasista e franquista. Abondará con lembrar que as rapazas seleccionadas tiñan, entre outras, a función de servir os puros no palco de autoridades da praza de touros.

"Eliminación da figura da raíña festas polo seu carácter sexista, clasista e franquista. Abondará con lembrar que as rapazas seleccionadas tiñan, entre outras, a función de servir os puros no palco de autoridades da praza de touros".

4.-Supresión dos nomes e símbolos franquistas dos espazos públicos da cidade, coa eliminación da placa de homenaxe ao Ditador do edificio do concello e o cambio dos nomes franquistas das rúas por outros vencellados á tradición democrática, humanista, laica, republicana e galeguista da cidade. Posteriormente, a partir de 2005, por medio dun acordo unánime de todos os grupos políticos, decidiuse utilizar como procedemento para a denominación de rúas a recuperación da toponimia tradicional.

Malia todos estes cambios, nos elementos conmemorativos da cidade como son as esculturas públicas ou os nomes das rúas aínda hai unha forte presenza da memoria da clase dominante. Aínda perviven silencios e ocultamentos que é preciso combater. Aínda queda moita memoria colectiva alternativa que construir. Nesa tarefa estamos, reivindicando a Pontevedra heterodoxa, a Pontevedra dos Armesto, de Francisco Zagala ou Joaquín Maquieira; a Pontevedra laica, republicana e galeguista; a Pontevedra proletaria das parroquias que loitou coma os Meis de Mourente do lado da xustiza e a liberdade en 1936; as mulleres represaliadas e resistentes que homenaxeamos este mes de xuño e que lembraremos o día 28 con un roteiro que rematará no lugar onde foron fusiladas polo fascismo as veciñas de Salcedo Consuelo Acuña Iglesias, de 60 anos, e Elvira Lodeiro González, de 28. Para que a súa memoria permaneza para sempre con nós.

Comentarios