Opinión

Porque se non podemos bailar, non é a nosa "corporación"!

Veñen a ser constituídas as novas corporacións municipais, e vendo a configuración de algunha delas, entre as que se atopa a do Concello onde eu vivo, vénme á mente a frase que afirma que se es de esquerdas entón es feminista porque se non es feminista tampouco es de esquerdas.

Veñen a ser constituídas as novas corporacións municipais, e vendo a configuración de algunha delas, entre as que se atopa a do Concello onde eu vivo, vénme á mente a frase que afirma que se es de esquerdas entón es feminista porque se non es feminista tampouco es de esquerdas.

"A corporación municipal está formada por trece persoas. Curiosamente de esas trece persoas o reparto por sexos é: nove homes e catro mulleres".

E preguntarédesvos a quen vén esta primeira reflexión. 

Pois explícome: No concello onde eu vivo (serve de mostra como xa dixen, do que vén a acontecer en moitos outros do País) a corporación municipal está formada por trece persoas. Curiosamente de esas trece persoas o reparto por sexos é: nove homes e catro mulleres.

Partido Popular: 5 concelleiros e 2 concelleiras

Psoe: 3 concelleiros e 2 concelleiras

Asemblea Cidadá: 1 concelleiro.

E aínda hai quen se cuestiona o ter que respectar a porcentaxe do 40/60% para conformar as listas electorais!...Pois menos mal!

Imaxinade como podería quedar o panorama político se non existise esa normativa que obriga a que en todas as listas de todas as organizacións se respecte un 40% dos postos para mulleres….Moi  sinxelo, habería corporacións municipais onde todo fosen “pirolas”!

Tamén é certo que non abonda coa presenza de mulleres, sen máis. Queremos mulleres feministas, mulleres que defendan os nosos dereitos como colectivo oprimido que somos, mulleres bravas, reivindicativas, desobedientes contra leis que seguen a marcarnos o camiño dos coidados e do fogar como o “noso”.

Polo tanto, de esa porcentaxe tan ridícula en que poden quedar conformadas as novas corporacións, temos tamén que restar a esas mulleres que seguen a gobernar coas maneiras, modos e sentimentos dos seus compañeiros varóns, esas mulleres que seguen a denostarnos ás que nos declaramos aberta e orgullosamente FEMINISTAS, a nós que seguimos estando nas rúas cada vez que asasinan a unha de nós, porque nos están matando simplesmente por iso, por sermos mulleres;  a nós que saímos á rúa para defender que no noso corpo só mandamos nós, a nós que berramos que queremos emprego porque traballo temos dabondo; a nós que seguimos exixindo que os nosos salarios deixen de ser inferiores aos dos nosos compañeiros varóns por facermos o mesmo traballo que eles; a nós que denunciamos a discriminación das nosas compañeiras deportistas;  en definitiva, a nós que seguimos afirmando “DIFERENTES SI, DESIGUAIS NON!”.

"Imaxinade como podería quedar o panorama político se non existise esa normativa que obriga a que en todas as listas de todas as organizacións se respecte un 40% dos postos para mulleres….Moi  sinxelo, habería corporacións municipais onde todo fosen “pirolas”!"

Canto camiño por andar de tanto que temos desandado….

Sigo reflexionando sobre a campaña electoral rematada e segue na miña mente a publicidade recibida na miña caixa de correos, linguaxe exclusiva onde nin se molestan en coidar as “formas” porque o fondo xa sabemos que nin o contemplan; os discursos onde a igualdade entre homes e mulleres non se menciona, onde non contemplan que a violencia machista están a carón da cada unha e un de nós, en cada concello, en cada rúa, en cada edificio….., onde nin se molestan en considerar que o urbanismo, a mobilidade, o ecoloxismo, a cultura, e todas as demáis áreas ou teñen unha cor lilá ou segue a ser máis do mesmo.

Non señoras e señores, a min non me chega con que me digan que as súas candidaturas son paritarias se non se cumpre todo o que antes mencionei. Non me chega porque xa temos visto maniobras de…”chegado o momento ti renuncias e xa pasa o seguinte” que, curiosamente, o seguinte volve ser un varón….non chega e temos que loitar contra estas maniobras se  realmente queremos mudar o mundo.

Tense visibilizado xa por moitas compañeiras o baixo número de mulleres (insito, feministas) que encabezan as candidaturas electorais….Certo é que segue a ser difícil conquerir que moitas mulleres queiramos dar ese paso adiante, porque nos asusta a responsabilidade, porque nos asusta o non estar á altura das circunstancias, porque nos asusta que as nosas cargas laborais e familiares non nos permitan adicar todo o tempo que precisa a causa ou que pensamos que deberíamos adicar…..

O terríbel de todo isto é que aos homes iso non lles asusta porque saben que nunca vai ter que escoitar aquilo de “…se foses para a casa e te dedicases ao que tes que dedicar…” Porque saben que non van estar debaixo de unha lupa que cuestione todas as decisións e actuacións que tomen. Porque son homes é teñen vía libre.

"As mulleres seguimos a ter serias dificultades para poder participar na vida pública. Nin os horarios de reunión e actos varios, nin as cargas que levamos ao lombo nolo permiten." 

Queda moito por andar, as mulleres seguimos a ter serias dificultades para poder participar na vida pública. Nin os horarios de reunión e actos varios, nin as cargas que levamos ao lombo nolo permiten. Decía a miña benquerida compañeira Carme Adán, deputada do BNG no parlamento galego, que non podíamos falar só do famoso e manido “teito de cristal”, que tamén temos que falar do “chan pegañento” e canta razón ten!.

Por todo isto, e moito máis que queda no caldeiro, só me queda decir: ADIANTE COMPAÑEIRAS FEMINISTAS! O NOSO TRABALLO É TAN PRECISO COMO SEMPRE E MÁIS NECESARIO QUE NUNCA!

PORQUE QUEREMOS CONCELLOS LILÁS ONDE NOS VEXAMOS REFLECTIDAS E ONDE OS NOSOS DEREITOS

SEXAN TAN IMPORTANTES COMO O URBANISMO, A MOBILIDADE, O MEDIO AMBIENTE, A CULTURA…..E OCUPEN O PRIMEIRO PLANO DA VIDA POLÍTICA.

PORQUE SE NON PODEMOS BAILAR, NON É A NOSA “CORPORACIÓN”!

PORQUE SE UN ASASINATO MACHISTA NON É QUEN DE PARALIZAR UNHA CAMPAÑA ELECTORAL, AS FORZAS QUE NON A PARALIZAN NON NOS REPRESENTAN!
    

Comentarios