Opinión

Ser do BNG

Cando con 15 anos entrei no BNG non llo dixen a meus pais. Eles osmaban que o fillo andaba metido en cousas, pero non tiñan moi claro de que tipo. Ás poucas semanas fun a Santiago á Asemblea Nacional de Galiza Nova, convidado polos compañeiros de Foz.

Cando con 15 anos entrei no BNG non llo dixen a meus pais. Eles osmaban que o fillo andaba metido en cousas, pero non tiñan moi claro de que tipo. Ás poucas semanas fun a Santiago á Asemblea Nacional de Galiza Nova, convidado polos compañeiros de Foz. Eu, rapaz de Ribadeo, que aínda case non empezara a saír de noite, evidentemente non coñecía a cidade nin tiña onde quedar para durmir. Bieito Lobeira foime agardar á Estación de buses e presentando, no Rodas, a  uns e outros, caras moitas que pasaron a ser íntimas co paso dos anos. No camiño falamos de varias cousas, e unha delas quedoume gravada para sempre: un día tomei  a decisión de que en Galiza ía sempre falar galego, sempre, e desde aquela cúmproo, dixo pausado mentres baixabamos por Virxe da Cerca. Calei e pensei para min que eu tiña que facer igual. Era galegofalante de toda a vida, toda a miña familia, pero mantíñame diglósico con algúns amigos moi próximos, aos que me custaba falar en galego porque os coñecera de nenos, no colexio, e sempre falara con eles español. Fora aquilo, precisamente, unha das cousas que me fixera pensar. Por que sempre cambiabamos nós, e nunca eles? Que era o que provocaba ese comportamento? 

Pasou a Asemblea e volvín de Compostela -que deixara no camiño de ser Santiago- cheo de enerxía, emocionado, cun mundo novo nos ollos e a convicción de que todas as causas xustas estaban en nós. Montamos os CAE no Instituto, fixemos concertos pola insubmisión, pegamos cartaces, compartimos descubertas con outros e outras, gravamos cintas e fotocopiamos textos, puxémonos a ler e a aprender, desde o activismo máis ilusionado. Pero non llo dixen a meus pais. Nin a miña avoa, que me preguntaba daquela, coa lembranza do terror dun seu seu irmán no Círculo Habanero da Devesa, durante a Guerra, "para que serás tan político?". Unha profesora amiga axudoume. Tranquila, muller, que o teu fillo é responsable, e iso no que anda son temas culturais, do galego e así, lle explicou a miña nai sen eu saber nada. O BNG gobernaba daquela en Ribadeo, mais a pesar diso a percepción social que sobre o Bloque se tentaba crear era de radicalismo, de extremismo. Procurábase meter, sobre nós, o medo na xente.

Na campaña eleitoral das seguintes Xerais houbo un mitin e viñeron falar Beiras e un home con cara redonda, colorada, de boa persoa. Chamábase Xosé Manuel Rodríguez, era de Escairón e ía de número un por Lugo. O falar daquel home, labrego das Comisións Labregas, foi unha revelación. Sotaque da terra, oratoria culta sen pedantería, facíase entender, argumentaba, explicaba con pedagoxía e sen paternalismo. Comprendín que o importante non era o líder, senón que ao baixar o líder do coche houbese xente esperando por el, xente do Bloque, militancia convencida. Decididamente ser do Bloque en Compostela, na universidade, era máis fácil que selo en Escairón, en Castroverde, en Lourenzá, marcados ás veces por alcaldes absolutistas e por sectarismos veciñais.O mérito tíñao esta xente, o mérito todo, o que facía relevante ao nacionalismo era esa a súa base, comprometida, activa, orgullosa. Honesta e traballadora coma ningunha outra.

Desa auténtica nación en marcha, dese corpo social que acubillou valores, ideas e prácticas de emancipación e xustiza social, foi e é expresión política o BNG. E eu, que estes días ando de campaña eleitoral, tentando conciliar como podo o traballo na Coruña con ser concelleiro no Goberno Municipal e responsábel local de Ribadeo, sinto en moitos actos, nas caras de moitas compañeiras e compañeiros, no falar desde o corazón que nos asalta os ollos e a boca tantas veces, que todo o esforzo paga sobradamente a pena e que o suor, e os nervos, e o traballo de vencer a timidez non son máis que orgullo e emoción concentrada neste noso camiño colectivo, nesta nosa casa que volve coller unha forza e un convencemento como hai anos que non sentiamos. 

Os que antes apelaban ao medo mudaron o discurso e apelan agora ao "todos son iguais". Buscan o mesmo, desmobilizar, impedir o cambio, mais non o van conseguir. As mentiras de antes e as de agora non resisten o contraste coa realidade, o facer noso do día a día. Pasaron os anos, miña avoa xa non está e meus pais, evidentemente, foron sabendo a verdade e hoxe son votantes convencidos. Pero non se moveu o importante: a firmeza nos ideais, a certeza de estaren en nós, como daquela, as causas todas que merecen a pena, o traballo colectivo como forma de avanzar. Mais todo isto viña a conto, en realidade, para dicirvos simplemente unha cousa: cando dicimos En Bloque podemos!, é certo.

 

Comentarios