Opinión

Un ano de indignación en Madrid

Fai un ano, estalou en Madrid unha sinerxia revolucionaria, unha necesidade de cambiar as cousas que non deixaba de contaxiarse sen parar coma quen esperta do soño de Matrix cara a realidade.


Fai un ano, estalou en Madrid unha sinerxia revolucionaria, unha necesidade de cambiar as cousas que non deixaba de contaxiarse sen parar coma quen esperta do soño de Matrix cara a realidade. Os medios de comunicación, na súa función de xornalistas que traballan para empresas informativas, empezaron a chamar por siglas e consignas aos cidadáns que saíron á rúa para protestar polo capitalismo salvaxe, a política-circo, a falta de dereitos sociais e humanitarios, é dicir, a crise “estafa” na cal pretenden afundir ao 99% da poboación. “15M”, “indignad@s”, “perroflautas”. O movemento cidadán apegouse a algún destes lemas, identificándose con eles ou con verdadeiro humor, coma os “yayoflautas”. Os medios buscan que a audiencia sinta aos “indignados” coma algo lonxano, a ultraesquerda macarra que arrecende a kalimotxo e que mendiga con malabares porque “non ten outra cousa que facer”. Esta imaxe da sociedade que sae a rúa a loitar polos seus dereitos nin se achega á realidade. Por sorte, moitas persoas, grazas á poderosa arma das redes sociais e á curiosidade innata, tivo a ben saír á rúa a ver cos seus propios ollos e abrir a mente a aquilo que comezou a madurar pouco a pouco un ano atrás.

¿Que acontecía cando unha se achegaba a Sol ou as prazas contiguas ? Primeiramente, non había indignados, atopábanse alí persoas. De todas as idades, de todas as nacionalidades e estilos. Xente que tiña algo en común con un mesmo, que se sentía enganada, manipulada e cansada por un sistema político que non nos tiña en conta. Unha sensación única de ilusión e esperanza. A carne pónse de galiña cando un participa nun berro mudo e está nunha praza coma a de Sol, compartindo soños con milleiros de persoas, compartindo un silencio “indignado”.

Cando se decidiu levantar a acampada o verán pasado, a idea era comezar a traballar por barrios. Cos veciños, xente coa que nunha cidade tan grande como Madrid, case que non son coñecidos. Abríronse lazos, amizades, puntos de encontro e de debate semanais, abertos a todo aquel que quixera escoitar. E outras ideas máis prácticas: bancos de tempo, puntos de información, e unha das ferramentas de loita social máis potentes, “Stop deshaucios”, que visibilizou o traballo que levaban facendo anos xente de plataformas como a PAH “Plataforma de Afectados pola Hipoteca”. Cando falo destas iniciativas nos barrios, que se autoproclaman “Toma los barrios”, non se trata da organización única do centro da cidade. Hai 116 asambleas organizadas, dende Villaviciosa de Odón, Soto el Real, Getafe, Carabanchel ou Lavapiés. Estas asambleas coordínanse horizontalmente para concretarse coma un punto de encontro de toda a comunidade e buscan chegar dunha maneira directa a toda a poboación.

Ademáis do movemento horizontal e asambleario entre barrios, existen 24 comisións e 24 grupos de traballo que tratan moitísimos aspectos e que incluso se subdividen para traballar temáticas concretas. Algúns creáronse durante a acampada instalada na praza de Sol, e outros foron xurdindo según ían aparecendo novas necesidades ou problemáticas. Unha necesidade era a de dar a coñecer a realidade sen estar mediada por empresas informativas: Audiovisol, que xera vídeos das actividades realizadas, directos online das asambleas, promos e neste aniversario presentou un avance da longametraxe documental “Os Quiero, Os Respeto, Os Necesito. El 15M Desde Dentro”; Ágora Sol Radio, Biblioteca, Archivo, ou Análisis. Outros grupos e comisións buscan a reflexión e o camiño por escoitar propostas, atopar obxetivos e xerar ferramentas e estratexias para a loita común: Cultura, Pensamento, Ciencia e Tecnoloxía, Economía, Medio Ambiente, Feminismos, Educación, Relixións, Respeto, Vivenda, Infraestructuras, Legal, Traducción, ... Outros loitan por problemáticas máis concretas, como a Plataforma contra a privatización do Canal de Isabel II, ou EurovegasNo. Todo o que se plantexa nas asambleas e se consensúa ou propón, pásase a actas públicas que se poden consultar na web.

Mentres tanto, políticos manipulan aos cidadáns, periodistas estigmatizan ao movemento e policías, que teñen o deber de velar pola seguridade da poboación, perseguen como a terroristas un movemento de protesta pacífico, de política non institucional, de modelo asambleario, debate público e traballo colectivo.

A realidade en Madrid é que cada vez máis xente se sinte identificada, e sobre todo, ilusionada, cun movemento horizontal que está aberto a todos, onde a participación cidadá é real, e un se sinte por fin con voz e capacidade de cambiar as cousas. Todos os que participamos, activa ou pasivamente do que está a suceder, somos conscientes de que o camiño que temos por diante se asemella a unha longa noite de pedra, mais tamén é o que ten no seu final a chave para o cambio. Unha democracia verdadeira, representativa e que non responda aos intereses dos mercados senon aos das persoas.

Comentarios