Opinión

Unha ollada ao resultado electoral en Cataluña

Os xornais do Estado español (EE) buliron para dar a noticia do recuar de CIU e alargar a derrota ao soberanismo catalán. Esta lectura do resultado das eleccións é funcional aos intereses das clases dominantes, tanto no EE como na Unión Europea, interesadas en destruír calquera atranco no proceso de centralización e concentración da riqueza e do poder.

Os xornais do Estado español (EE) buliron para dar a noticia do recuar de CIU e alargar a derrota ao soberanismo catalán. Esta lectura do resultado das eleccións é funcional aos intereses das clases dominantes, tanto no EE como na Unión Europea, interesadas en destruír calquera atranco no proceso de centralización e concentración da riqueza e do poder. Mais ¿o resultado permite tirar esta conclusión? Entendo que non, xa que o soberanismo acada 74 deputados/as sobre 135, ou sexa, un 55% da representación parlamentar. Se temos en consideración ademais aqueles partidos que asumen o dereito á autodeterminación do pobo catalán, a representación aumenta até os 107 deputados/as.

"O soberanismo acada 74 deputados/as sobre 135, ou sexa, un 55% da representación parlamentar"


Porén, analicemos máis polo miúdo o resultado e as súas posíbeis consecuencias:

1) Non se pode tomar como a única hipótese que CIU convocara estas eleccións porque pensaba acadar maioría absoluta erguendo a bandeira da independencia. Todo apunta a que a mobilización social do nacionalismo, que tivo na primeira liña a forzas á esquerda de CIU, antecedeu á decisión da convocatoria. Polo que semella unha hipótese máis correcta que Artur Mas se vira forzado á convocatoria para evitar perder unha parte moi grande do seu electorado, tanto por ser desbordado na cuestión nacional, como pola carraxe contra as políticas sociais que está implementando en Cataluña. Outra cuestión é que, para saír da situación, fixese un discurso triunfalista, por outra banda moi común nas forzas que xogan ao electoralismo e son maioritarias.

2) Compre destacar, que aínda que os partidos soberanistas perden dous deputados, aumentou moito a participación, e que CIU sempre recolleu unha parte significativa do voto autonomista e conservador. Sendo así, coa radicalización do discurso de CIU na cuestión nacional, é lóxico que perdera todo ou parte deste sector. Asemade, nesta elección os cataláns votaron por opcións máis radicais tanto na cuestión nacional como social, e aqueles que o fixeron por partidos nacionalistas optaron claramente pola independencia como obxectivo inmediato. Sendo así, facer comparacións cos resultados de procesos anteriores non é correcto. Que un sector maioritario da sociedade catalá dera este paso adiante non é algo que se poda relativizar polos malos resultados de CIU.

"Nesta elección os cataláns votaron por opcións máis radicais tanto na cuestión nacional como social"


3) Certamente o retroceso de CIU complica a gobernabilidade en Cataluña, onde este partido non poderá facer o que queira. En pouco tempo saberemos que intereses priman na dirección de CIU; se son os obxectivos económicos ou a cuestión nacional e social, xa que dependerá de cal sexa o partido ou partidos cos que pacte para formar goberno. Se o fai con ERC, dando pulo á loita pola soberanía, terá que mudar as súas políticas económicas e sociais negativas para as clases populares, afastándose do sector ligado ao poder económico. Se o fai co PP ou o PSOE, ou con ambos, deberá deixar a un lado as reivindicacións soberanistas. CIU está nunha encrucillada histórica. En poucos días ou semanas saberemos cal é a resposta a esta interrogante. Mais se temos en consideración a praxe das últimas décadas, e para alén da mensaxe inicial para a súa base social, o máis lóxico é que procure acordos cos partidos estatais; o máis doado sería co PSOE. En todo caso, todas as saídas están abertas.

"O resultado desta elección achega máis a Cataluña a un proceso que pode rematar na reconfiguración do Estado"

O resultado das eleccións é positivo para Cataluña, e para o nacionalismo galego, tanto porque CIU non acada maioría absoluta, como porque ERC logra o segundo posto, a CUP entra no Parlament, a socialdemocracia segue perdendo folgos, a “Syriza” catalá ten un medre moi limitado, e os partidos españolistas so conseguen 28 deputados. Porén, fundamentalmente, hai que salientar que a xente opta maioritariamente por exercer a plena soberanía. A situación amosa que se inicia un período de fortes cambios políticos, mesmo non se pode desbotar que en pouco tempo teña que haber unha nova convocatoria electoral. Coido que o resultado desta elección achega máis a Cataluña a un proceso que pode rematar na reconfiguración do Estado. O triunfo de CIU non garantía tanto a soberanía como unha renegociación da distribución territorial da renda dispoñíbel e un fortalecemento da burguesía, malia o discurso soberanista de Mas dos últimos meses. 

Manuel Mera