Opinión

Unha xustiza imparcial?

O despedimento masivo de traballadores e traballadoras, como consecuencia da caída na produción e o consumo, é unha constante dende o inicio da crise sistémica. Unha lacra que se agudiza por mor de políticas que só procuran manter as altas taxas de beneficios empresariais e os salarios escandalosos de directivos, a costa dun duro axuste laboral e de afogar autónomos e pequenos empresarios, a chamada deflación social.

O despedimento masivo de traballadores e traballadoras, como consecuencia da caída na produción e o consumo, é unha constante dende o inicio da crise sistémica. Unha lacra que se agudiza por mor de políticas que só procuran manter as altas taxas de beneficios empresariais e os salarios escandalosos de directivos, a costa dun duro axuste laboral e de afogar autónomos e pequenos empresarios, a chamada deflación social. Para realizar este reaxuste económico e social axudaron as sucesivas reformas laborais deste período, que facilitaron e abarataron aínda máis os despedimentos. Súmaselle o reaxer derrotista de sindicatos e partidos políticos (de ámbito estatal), e a actitude pasiva nuns casos e colaboracionista noutros das institucións públicas.

Resulta especialmente preocupante a persecución e represión sobre delegados e dirixentes sindicais das centrais máis combativas, no noso país nomeadamente sobre a CIG. Temos, como exemplo, xa que resulta difícil de entender que sexa unha coincidencia, as recentes condenas a varios sindicalistas, por feitos relacionados coa folga do metal da provincia de Pontevedra do ano 2009 e do conflito do naval de 2007, na mesma provincia. Como consecuencia desta segunda loita, conseguiuse facer fixos a 3.000 obreiros nas auxiliares. A pena imposta foi especialmente severa no caso do secretario confederal de negociación colectiva da CIG, Antolín Alcántara. En xuízos consecutivos, por estes dous incidentes relacionados cun sector que é vangarda na loita laboral de Galiza, foi condenado a 9 e 12 meses de cárcere respectivamente.

En relación ao segundo destes xuízos, manifesta a páxina web da central nacionalista “Pola sala desfilaron arredor de 20 testemuñas, entre policías, gardas xurados , ex-responsábeis políticos e sindicalistas, e reproducíuse o contido das gravacións feitas polas cámaras de seguridade do edificio autonómico. En ningún momento quedou acreditada a participación dos acusados nin nos desordes públicos nin nos danos que se lle imputan”. Para os que estivemos naquela concentración no ano 2007, fronte ao edificio da Xunta en Vigo, sabemos que a acusación do ministerio fiscal non tiña base ningunha para imputar ao secretario confederal de negociación colectiva da CIG. Ademais ¿por que a el e a outro membro da comisión negociadora do metal da CIG, e non aos outros 10, dos que 9 eran doutras centrais sindicais (CC.OO., UGT, e CUT)?. Dada a relevancia e consideración que ten no sector Antolín Alcántara ¿non se podería tratar de ir pola cabeza sindical da loita do metal da provincia?.

Con estas condenas (que serán recorridas) a “xustiza” parecería que intenta deixar este dirixente do sindicalismo nacionalista ao borde do precipicio, coa ameaza de que se coide no futuro, porque toda protesta na que el participe, na que se abale unha folla, pode ser motivo para unha nova condena que o meta na prisión. Semella un xeito de axer funcional aos intereses da patronal, ao contribuír obxectivamente a frear a resposta social na rúa. Estas sentencias, preténdano ou non, na práctica conseguen meter o medo no corpo a milleiros de persoas esmagadas pola represión nas empresas e opaca moitas situacións de precariedade laboral absoluta, ao facelas invisíbeis ao conxunto das clases populares. Tamén contribúe a que o poder político sistémico olle para outra parte, abonda con ter un pouco de coñecemento histórico para saber os seus efectos sociais. Tamén é verdade que, a resposta da clase traballadora non se pode deter por moito tempo con métodos disciplinarios e coercitivos, e ademais deste xeito aléntanse as formas de loita clandestinas e a radicalización.

Os problemas laborais non se solucionan desarmando á clase traballadora, fronte a uns poderes económicos que o abafan todo. Lembremos a longa noite de pedra do franquismo, aínda que semella que algúns perderon a memoria e queren repetir experiencias fracasadas, malia que non pasou tanto tempo.

Manuel Mera