Opinión

As leis de Fodechincholandia

Dá a impresión de que neste país non temos dereito nin a defender un modelo turístico racional e nacional, adaptado ao país, respectuoso con el e que non provoque problemas de convivencia, servizos públicos ou de acceso á vivenda. A proclamar, en definitiva, que o futuro da Galiza non pasa por se converter nun parque temático para satisfacer as necesidades do turismo foráneo. Que temos dereito a querer ser outra cousa.

Argumentos contrarios a esta demanda básica están á vista. O primeiro: a relación coa Galiza non é problemática nin ten porque selo, sempre e cando non se cuestione a xerarquía "natural" existente, que se alicerza na desigualdade, na preponderancia de España, do español e da súa capital e cerna, Madrid, e na negación da existencia do pobo galego con entidade de seu, como suxeito político.

En coherencia co anterior precepto, o único idioma válido na Galiza é o español. Galegas e galegos non deben usar a súa lingua, pois é mostra de mala educación, nin deben rotular en galego os espazos públicos (que ninguén entende, e até pode provocar nas praias risco para a vida humana) e moito menos denominar os lugares polo seu nome orixinal, que en realidade é inventado e responde a un capricho nacionalista recente, non como "Sangenjo", "Mugía", "Lage" ou "Bayona", que se chamaron así toda a vida.

Galegas e galegos podemos ser tamén simpáticos. Pola empanada, o polbo á feira (aínda que soa moi mal así), os pementos de padrón, o ribeiro/ribero, as tapas gratis ou o churrasco, e polos seus prezos, claro. Tamén pola morriña, a nosa dúbida se nos topamos diante dunha escaleira, polas meigas e por ese sotaque noso, tan divertido e cantareiro.

E claro, pasa o que pasa cando de xeito prepotente e supremacista se entende que na Galiza o folclore, o atraso e as tradicións están ben, mais sen pasarse, que isto é España. E que tampouco está ben que esas Tanxugueiras canten en galego para todo o mundo. Aclárao ben o xornal El Mundo: "La economía gallega se vería dramáticamente devuelta a la edad del zueco, el azadón y la gallina". Si, ano 2024. Como se pode comprobar, nada de tópicos.

Dito isto, coñezo madrileños e españois respectuosos coa Galiza, e mesmo solidarios coa nosa causa. Evidentemente. Mais non se trata diso. Trátase de sermos conscientes de que este pobo está a sofrer un proceso brutal e acelerado de aculturación. E que nese contexto os estereotipos que menosprezan aos galegos e galegas existen. Como tamén, lamentabelmente, existe a interiorización desa minusvaloración inducida (en termos de falta de forza e capacidade colectiva) nunha parte da nosa sociedade. Eis o problema real. Por iso resulta positivo abrir o debate. Porque é bo saber quen somos, de onde vimos, porqué estamos como estamos e onde queremos ir.

PS: Neste tempo de verán, moi recomendábel a lectura de Do ódio à paródia, ou Galaicofobia, de Alexandre Peres Vigo. Traballos ben rigorosos e documentados sobre a histórica xenofobia contra a Galiza.

Comentarios