Opinión

A selección española como aposta política

Mudan os tempos, mais non as vontades, contradicindo a Camoes. Xa o primeiro número da publicación deportiva “Marca” (1938, en plena guerra civil) advertía de que no fútbol “se hace política” porque a República foi “una orgía de las más pequeñas pasiones regionales” nese campo, e conviña reconducir á mocidade polo camiño correcto, tamén no ámbito deportivo.

O franquismo decidiu alcumar “La furia española” á selección masculina de fútbol, que chegou á súa apoteose cando en 1964, hai exactamente 60 anos, gaña a súa primeira Eurocopa fronte nada menos que ao equipo da URSS. Debeu ser realmente orgásmico para os franquistas: España e o españolismo vencendo ao comunismo. Climax total.

Mais agora estamos no século XXI. Mudaron os tempos, mais as vontades permanecen ancoradas. Ninguén é franquista, seica, mais o fútbol continúa a ser fenómeno televisivo de masas e non se pode estragar ese magnífico potencial propagandístico, como instrumento de control social, anulando preocupacións e conflitos e desmobilizando a sociedade. Popularización subvencionada e exaltación da bandeira española, facéndoa proliferar en xanelas e bares, e grandes pantallas no espazo público. No ámbito político a cousa tamén está clara: PP e PSOE, a través de deputacións se fai falta, encargáronse de dar a batalla social, e instalar pantallas públicas nas prazas de vilas e cidades, mentres que ningún concello do BNG as pagou ou subvencionou.

É política, e é ideoloxía. A selección española de fútbol (sexa masculina ou feminina), de baloncesto, tenistas en Roland Garros ou Wimbledon, ciclistas ou pilotos de carreiras, teñen en común serviren de ferramentas de propaganda ideolóxica ao servizo da idea imperial de España. Iso si, agora de xeito máis moderno e sofisticado. A selección masculina é máis simpática porque xa ten mozos racializados, e a feminina até é feminista. Xa non é todo tan reseso. As bandeiras españolas continúan, iso si, e afirman a españolidade simbólica excluínte nas mentes e nos espazos públicos, ligando o éxito deportivo á idea da nación española triunfante e vitoriosa.

Ao final non son tan parvos. Encargáronse de que a actual fase constitucional e autonómica non supuxese ningunha mudanza substancial no ámbito deportivo. Unicamente semántica: A Copa do Generalísimo transformouse na Copa do Rei. Até aí chegaron e de aí non pasaron. Polo demais, non se recoñeceu o dereito das “nacionalidades históricas” a posuíren as súas seleccións deportivas oficiais propias e a participaren en competicións internacionais, como si acontece no Reino Unido.

Madrid, 25 de xaneiro de 1954. Manifestación sob o lema “Gibraltar español. Franco-Franco”. 70 anos despois, 15 de xullo de 2024, Madrid (outra volta), cos xogadores españois, alcalde de Madrid e até a infanta Helena, en inusitado bacanal, de novo co “Gibraltar español”. De verdade, alguén defende que só é deporte?

PS: Neste contexto, e xa case no 25 de xullo, na miña xanela, a bandeira do meu país.

Comentarios