Opinión

A linguaxe como violencia

A violencia contra as mulleres enchoupa a realidade. Tanto que temos dificultades para percibila. Camuflada na paisaxe das nosas vidas, en modo camaleón, a violencia semella o marco vital e social no que se desenvolven os feitos. Esta introdución vén a conto, non polas asasinadas neste verán tráxico, senón polo titular dunha noticia que pouco máis alá dun debate nas redes sociais suscitou. Hai uns días un xornal galego titulaba unha nova sobre a violencia sexual sufrida por unha menor facendo recaer nela a responsabilidade de que o seu agresor estivera na cadea. 

A nena, que para sobrevivir e ser crida gravou o ocorrido, aparece no titular descrita como aquela que “envía” a un señor á cadea. Ante isto, que só podemos denominar como unha revitimización, cómpre que comentemos dúas cuestións. Primeira, a percepción que ten unha nena de que non vai ser crida. Isto é algo que aprendemos de pequenas, a nosa palabra non ten o mesmo valor que a dun home. É unha palabra posta en cuestión, que sempre incita á dúbida porque hai un fondo de sospeita que se enuncia no famoso “algo faría ela” que resiste como un mantra machista aos cambios lexislativos. Non podemos imaxinar o terror e a dor da nena para ter que recorrer a documentar a súa agresión para ser crida. Por moito que repitamos que nós si a cremos, aínda hai mulleres que non cren a outras, que cuestionan a violencia que sofren ou a situación que viven.

O segundo tema reside na violencia da linguaxe que configura o titular. Estou certa de que na facultade de xornalismo analizarán ata a extenuación a importancia das palabras, xa que van traballar con elas para dar conta da realidade. Esta noticia non achega nada, só que dentro duns anos esta nena terá que soportar como unha lousa tal titular. Quen redacta e quen revisa debe eliminar a culpabilización que implica o verbo “enviar”. Isto é, a xustiza en aplicación da lei é quen decide sobre a perda de liberdade dunha persoa que comete un delito. A nena non envía a ninguén a ningún sitio, en todo caso, para saír do inferno onde a situou un adulto que, nese caso, debía protexela por parentesco, desenvolve unha estratexia de supervivencia.

Moitos homes escandalizáronse da polémica sobre que dá máis medo nun bosque, un oso ou un home. Pregúntome se son os mesmos que cantan tan tranquilos e con risas que nun bosque atoparon unha nena, que colleron da man, que levaron á casa e meteron na cama... todo en diminutivo. Seguro que lembrades esta canción que estes días un cargo institucional do PP tivo a ben poñer de actualidade. Pois, eu que sufrín que un adulto me collera así da man, co diminutivo da canción, afirmo que cando camiño soa polo monte só teño medo ao que a miña avoa denominaba como o lobo de dúas pernas. A violencia contra as mulleres non emana da natureza. É unha forma social e cultural de dominio e control que ten na linguaxe unha aliada. Cantas mulleres ou nenas tiveron medo dun oso? Para os ofendidos: menos hipocrisía e máis feminismo.

Comentarios