Opinión

S.Ó.S

En segundo de bacharelato tiven un profesor de filosofía que tamén era músico. Seguramente, esa fina liña entre o pensamento e a súa expresión, combinada co seu gusto pola guitarra e a canción de autor, levouno a plasmar en pentagramas as reflexións que o obsesionaban. David Aledo tería uns dez anos máis ca nós. E nós, alumnado fan, acolliámolo co fervor da xente adolescente tocada e aludida por inquedanzas cotiás e contemporáneas. Faciamos cartaces, iámoslle aos concertos e cantabámoslle os temas polos corredores do centro, obrigándoo a poñer orde de cando en vez, incapaz de disimular que aquel xesto lle gustaba.

Nunha das cancións, o mestre enunciou o concepto de soidade en expansión e impactoume dunha forma inimaxinable. Non era a soidade clásica e universal, senón unha que medraba ao abeiro dun mundo abocado a estoupar. Apelaba á soidade do vagabundo, do presidiario, do presidente e do escenario, do xubilado e do desamparo, das fronteiras e das pateras. "La soledad en expansión y la inflación de la rutina. Y en el top manta del amor cotiza el sexo y la desidia". Escribín a frase na carpeta do curso 2007-2008. Perdeuse entre as caixas dalgunha mudanza, pero xamais no rexistro da memoria.

A idea da soidade en expansión seguiu xirando na miña mente durante anos, con especial forza durante a etapa universitaria, ata hoxe. O informe sobre a soidade non desexada que vén de publicar a Fundación ONCE devolveume a aquela canción e recoñezo o seu eco no mundo dos meus 33 anos, probablemente máis dos que tiña o mestre de filosofía cando a compuxo. Un terzo da poboación galega menor de 35 anos séntese soa. É a franxa de idade que máis acusa a soidade, 16 puntos por riba da media de Galicia, onde o 19,8% das persoas consultadas afirman sentirse soas.

Co paso dos anos, a soidade en expansión cobra sentido. A letra de Soledad emerxe como contexto á cantidade que marcan as cifras. Crítica, mordaz e solemne, apunta á soidade das cidades, "cristianas y occidentales", que a maioría habitamos. Fala da pobreza, da indiferenza, da corrente. En plena expansión, véxonos descender dun mundo hostil que nos acantoa no individualismo, rodeadas de xente sen o acubillo inmediato da comunidade. A compañía dilúese polas fendas da obriga, do banner, da sobrecarga mental que nos leva a procurar recunchos de silencio. Cómpre emitir un S.Ó.S, porque estamos quedando sós.

Comentarios