Opinión

Last VUT not least

A finais dos cincuenta, Franco sentou as bases legais para a creación da sociedade de propietarios chamada a cauterizar a revoltosa sociedade de proletarios, e as cidades e vilas galegas, faltas dunha clase dirixente ilustrada, adoptaron os seus estrafalarios trazados urbanos coa explosión do tixolo. O posfranquismo, co Decreto Boyer de 1985 e a liberalización do solo promovida por Aznar en 1998, fixo do cemento o principal motor económico. No cénit da burbulla inmobiliaria construíanse nestes pagos máis vivendas que en varios países europeos grandes xuntos. Daquela dicíase que a causa dos prezos elevados era a inoculación cultural propietarista que fomentara o franquismo, e o corifeo de psicofonías mediáticas machucaba con que a solución pasaba polo alugueiro, sistema de acceso á vivenda habitual na Europa civilizada.

Co estourido da burbulla en 2008, co freo ao crédito e coa concentración bancaria subvencionada con débeda do Estado, o malestar social conseguiu introducir, de xeito fugaz, o dereito á vivenda na axenda, esixindo solucións á onda de desafiuzamentos. Pasado o máis agudo da crise, ao exército de pequenos rendistas uníronse os grandes fondos de investimento internacionais e ao alugueiro para vivir uniuse o socialmente menos urxente alugueiro para veranear das VUT (Vivendas de Uso Turístico). Os prezos, lonxe de baixar, seguiron subindo, co agravante de que agora os inquilinos dos centros das cidades eran expulsados por hordas de turistas que transformaban as urbes en parques temáticos do capital.

A vivenda é o principal problema para a economía das clases non propietarias. E é, para as clases propietarias, unha trincheira fundamental da loita de clases. Non en van, a figura do “okupa” encarna o lugar fantasmático do xudeu para a estrema dereita, declinando o discurso contra ese espectro nun abano que vai da propaganda de “respectables” empresas de alarmas ao escuadronismo neonazi embutido en esteroides.

Tendo en conta este contexto histórico, resulta indignante que o PSdeG amagase con tombar (aínda que ao final se botasen para atrás) a valente tentativa do Concello de Compostela de regular as vivendas de uso turístico para resolver as súas leas internas. O Goberno de Goretti Sanmartín está a bater nunha das cernas do poder no Estado español e o PSdeG, está aí para pór paus nas rodas, como fixo a finais dos 90 nas cidades nas que era terceira forza, a todo o que desafíe a hexemonía do PP en Galiza. Tomemos nota.

Comentarios