Unha parte do Exército de Bolivia intenta dar un golpe de Estado

Evo Morales, ex presidente de Bolivia, foi o primeiro en dar o sinal de alarma publicamente. Fíxoo a través da rede social X: "Xéstase o golpe de Estado. Neste momento desprégase persoal das Forzas Armadas e tanquetas na Praza Murillo. Convocaron ás 3 horas [hora local] a reunión de emerxencia no Estado Maior do Exército en Miraflores con uniformes de combate. Convocamos os movementos sociais do campo e da cidade para defender a democracia".
Un tanque irrompe no palacio presidencial de Bolivia. [Imaxe: Telesur]
photo_camera Un tanque irrompe no palacio presidencial de Bolivia. [Imaxe: Telesur]

Militares bolivianos dirixidos polo Xeneral Zúñiga, comandante xeral do Exército destituído na terza feira tras advertir que non permitiría un novo Goberno do líder do Movimiento ao Socialismo, trataron de entrar pola forza ao Palacio de Goberno na Paz, segundo informan medios locais.

Previamente, o vicepresidente boliviano, David Choquenhuaca, sinalara que as mobilizacións do Exército representan "un golpe de Estado contra o noso Goberno democraticamente elixido" e o propio presidente, Luis Arce, advertía a través da súa conta da rede social X de "movementos irregulares" nas Forzas Armadas.

Tamén denunciaba a sublevación o ex mandatario Evo Morales, quen sufrira un golpe de Estado, instigado polos EUA, en novembro de 2019.

Por outra parte, o secretario xeral da Organización dos Estados Americanos, Luis Almagro, rexeitou publicamente o golpe do Exército de Bolivia e puxo de manifesto que os militares deben someterse "ao poder civil lexitimamente elixido". 

Segundo informa Telesur a través do seu correspondente, Freddy Morales, "é elevada a cantidade de militares que atopan en Praza Murillo. Fecharon os accesos a esta área e impiden o traballo dos xornalistas. Moitos dos militares están encapuchados". O medio tamén pon de manifesto que empregaron gases lacrimóxenos contra a poboación e contra os profesionais dos medios.

"Estamos firmes", di Arce

Nunha declaración xunto a todo o seu Goberno, o presidente de Bolivia puxo de manifesto que "non podemos permitir que unha vez máis intentonas golpistas leven vidas bolivianas" e asegurou que están "firmes" en Casa Grande -a sede do Executivo- "contra o golpe".

O secretario xeral da Central Obreira Boliviana (COB), a máis numerosa do país, chamou a "levantarse contra os golpistas" e, tras declarar a folga indefinida, chamou todos os sindicatos a dirixirse cara á Paz, a capital boliviana, para defender o Goberno. "Non é por unha persoa, senón por todos", salientou Juan Carlos Guarachi, o representante da COB.

Comentarios