Opinión

Sociedade aberta (en canal)

Este agosto, dous temas acapararon titulares: a inmigración e o turismo. O "problema da inmigración" é upado polos algoritmos de extrema dereita que deliran coa "substitución étnica" do home branco. Canto ao turismo de masas, este cuestiónase cada vez máis alí onde campa a terceirización low cost. Son dous asuntos diferentes que provocan malestares articulados de xeito oposto a nivel político. E, porén, úneos un nexo.

Karl Popper afirmaba as virtudes da "sociedade aberta" fronte os seus "inimigos totalitarios". A apertura cosmopolita é un dos ítems estrela do liberalismo. No polo oposto, estaría a hibris das sociedades pechadas premodernas: estancamento secular. O idealismo liberal é un reflexo invertido dos males do marxismo mecanicista. Este cría que tras a abolición do capitalismo a sociedade comunista adviría de seu, sen cuestionarse se dita chegada sería posible cando no camiño se sacrificaba calquera tipo de ethos comunista existente. O liberalismo pensa que a utopía universalista é forte de seu como para controlar os abusos do capitalismo deixado ao azar. As xa varias décadas de despregamento do neoliberalismo mostrou o errado da tese. O capitalismo que reina desde finais do s. XX ten no turismo e na inmigración o seu ying e yang. O primeiro, como utopía, propicia que a clase media acceda ao cosmopolitismo liberal (cando menos durante un par de semanas ao ano). Pero, como distopía, fíncase na precariedade e o estrago do territorio e o medio (ademais de xerar escaso retorno dada a mingua económica da propia clase media co declive do fordismo). A inmigración, como utopía, devén un canto á libre circulación de traballadores, premiando a aqueles que máis se esforcen en mellorar. Mais, como distopía, perpetúa a pobreza e a subalternidade do sur global ao tempo que engrosa o exército de reserva que abarata as condicións laborais no norte. Fronte o cosmopolitismo liberal que, como sabía Manuel Sacristán, é en realidade o cosmopolitismo da vella aristocracia con mobilidade para relacionarse entre ela (en contraste cos plebeos ancorados no terruño), é preciso brandir un cosmopolitismo de esquerdas: solidario sobre todo con quen máis explotado está, e enfrontado a quen desexa que esa man de obra siga en condicións irregulares para seguir sobreexplotándoa. Pero tamén celoso da soberanía política dos pobos: o xeito plausible de embridar a hibris da sociedade aberta que tanto gustaba a Popper.

Comentarios