Opinión

Carvalho 2021

Desde hai anos, nalgún sábado do final de xuño ou do comezo de xullo, a RAG celebra pleno para decidir quen será a escritora ou escritor obxecto das homenaxes do Día das Letras Galegas. No caso de Carvalho foi o 22 de xuño de 2019 mais o ano anterior, o de Fraguas, foi o 7 de xullo. Correspondería pois nestas datas, se as circunstancias fosen as normais de anos anteriores, celebrar ese pleno en que a RAG decidiría a persoa a homenaxear o ano 2021.

Mais nada é normal nestes tempos e a nova normalidade tamén atinxe a Academia. Ignoro se houbo ou non ese pleno que debería escoller a persoa das Letras Galegas 2021; ignoro tamén quen serían as persoas candidatas a receber os votos do pleno. E tanta ignorancia faime pensar que a RAG, atendendo as demandas de varias entidades moi representativas da cultura galega, non as deixará de ter en conta ao reclamaren que, como noutras actividades programadas con antelación á Covid-19, o ano Carvalho se prolongue a 2021 na certeza de que con esa decisión non só coñeceremos mellor Carvalho senón que a propia RAG gañará máis prestixio.

Comentarios