Opinión

A chave do autogoberno

[Alberte Mera]

A discusión desatada entre o Goberno español e Esquerra Republicana de Catalunya após antonte a ministra de Facenda, María Jesús Montero, afirmar que o acordo coa formación soberanista non implica un concerto económico, unha vez Salvador Illa foi investido cos votos de ERC, amosa o temor do Estado español a se concretar un sistema de financiamento propio nun novo territorio, alén de Euskadi e Nafarroa. Precisamente, a "soberanía fiscal" nun outro territorio daría forza a un debate moitas veces dado na Galiza: sería a galega a única "nacionalidade histórica", empregando o termo que figura na Constitución Española, sen un concerto económico? Defendería o presidente Alfonso Rueda que a Galiza siga a carecer de autogoberno fiscal ou poría o país á mesma altura de Euskal Herria e Catalunya? A súa oposición a que Catalunya teña a chave do seu financiamento semella que, novamente, preferirá o inmobilismo e deixar Galiza á cola, como se dunha provincia se tratar. As contas son claras, como achega hoxe este xornal: tomando como referencia a liquidación do sistema de financiamento de 2022 vese que o Goberno do Estado transferiu á Galiza 7.010 millóns de euros para sufragar sanidade, educación e dependencia, é dicir, 45,5% do total do recadado polo Estado na Galiza nese ano. Galiza perde, a fuga dos impostos das galegas e galegos engrosa as arcas madrileñas. Até cando?

Comentarios