Opinión

Concentración

[Alberte Mera]

O Parlamento Europeo reúnese hoxe para elixir quen presidirá a Comisión Europea. A principal aspirante, a alemá Ursula von der Leyen (dereita), opta a revalidar no cargo e para unir máis apoios alén do grupo do PP europeo, postulan para presidir o Consello o ex presidente de Portugal António Costa (socialdemócrata), para aglutinar os votos das formacións do grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas; e como responsábel de exteriores estaría a ex primeira ministra estona Kaja Kallas (liberal), firme defensora da OTAN, da guerra contra Rusia e da demolición no seu país dos monumentos que conmemoran a vitoria fronte ao nazismo. Partidos que se denominan verdes poderían tamén apoiar esta candidatura.

Ante o cuestionamento do proxecto económico e político da Unión Europea a opción que defenden progresistas, liberais e conservadores é concentrarse e afortalar un modelo de UE sen mudanzas. Esquerda e dereita seguen a apostar no "que nada mude, todo igual". Vémolo en Francia: progresistas, verdes e mesmo PCF optan por unha candidata a mandataria do país que sería continuísta co macronismo. É tan difícil ler que parte do auxe da ultradereita vén por incomparecencia de opcións que falen e poñan enriba da mesa políticas transformadoras que cambien a vida das clases populares? Fortalecer a UE sen que nada mude é dar gasolina á ultradereita. A esquerda debería facer de esquerda para parar a ultradereita. 

Comentarios