Opinión

Un Día da Patria para a mobilización

O nomeamento de Ana Pastor como presidenta do Congreso após ter sido sinalada pola UE como a responsábel política da manipulación da comisión técnica de investigación do sinistro de Angrois voltou a pór de manifesto o nulo peso que ten Galiza como país no Estado. Sería inconcebíbel que tivese sido proposta de o accidente ter acontecido nos arredores da capital do Estado ou de Barcelona. A propia sesión parlamentar de escolla dos membros da Mesa do Congreso reforzou a mesma impresión: importou aos meios o que votaron os soberanistas catalás e vascos, e até o deputado canario, non así o que fixeron os 23 parlamentares da Galiza.

Estes feitos son a constatación de que Galiza como nación precisa dun novo impulso, na defensa primeiro da súa propia existencia (no Estado actúan como se non existísemos) e logo dos seus dereitos nacionais. De entre as nacións sen Estado a que máis precisa de ter un pleno autogoberno nacional é a nosa (Catalunya e Euskadi, pola súa achega ao PIB estatal, teñen moita maior capacidade de resistencia ás políticas estatais). Porén, neste momento é a que se acha en piores condicións para conseguir unha mudanza sustancial do statu quo, sen voz propia nas institucións parlamentares do Estado (este día, o deputado Fernán Vello, de En Marea, se refería en Twitter a 71 deputados como os integrantes dunha mesma "formación", co cal daba por integrados os 5 da coligazón galega na organización liderada por Pablo Iglesias) e cun goberno galego presidido por un político que só aspira a ser ministro de Rajoy en Madrid.

De entre as nacións sen Estado a que máis precisa de ter un pleno autogoberno nacional é a nosa

Resignarse non é, aliás, unha opción. Estamos nas vésperas do Día da Patria Galega. O 25 de Xullo cómpre mobilizarse e facelo con máis determinación e vontade do que nunca. Cómpre facelo a prol dos dereitos da Galiza, da súa auto-organización nacional, no camiño da plena emancipación. Só o impulso vindo desde abaixo da sociedade -e non desde cenáculos elitistas- pode mudar as cousas para ben e criar as condicións para derrotar a dereita centralista nas eleccións de outono e fortalecer o espazo galego de decisión. Só así nos faremos respeitar tamén no Estado.

Comentarios