Opinión

Editorial #Sermos351: De comarcas e parroquias

Galiza carece dunha política de ordenación do territorio coherente coas súas características. Precísase un modelo que ordene e poña en valor o territorio e iso pasa por estruturar o país en comarcas e parroquias. A lexislación actual referida á ordenación, así como os instrumentos que desenvolve, reproduce sistemas importados que pouco ou nada teñen a ver con Galiza e que resultan inoperantes para o seu desenvolvemento económico e social.

O impulso á comarcalización é un dos retos que temos pendente após as eleccións municipais. É necesario configurar as comarcas como entes de vertebración con personalidade xurídica de seu e baseadas na prestación conxunta de servizos entre concellos. Por que non comarcalizar o ciclo da auga ou a recollida dos residuos para aforrar custos e para ofrecer mellores prestacións?

Se a comarca é unha unidade territorial chave na ordenación non é menos a parroquia, cuxa orixe remóntase aos castros. Galiza conta con 3.800 unidades parroquiais, enclaves xenuínos e tradicionais, relacionados coa xeografía, cun alto compoñente de identificación e cuxo desenvolvemento xurídico contribuiría tanto a mellorar a organización social como a incrementar a participación directa da veciñanza e a potenciar iniciativas públicas.

Comentarios