Opinión

Feijóo, un presidente irresponsábel

Un dos trazos característicos de Feijóo é a súa habelencia consumada para fuxir das súas responsabilidades. Sempre outro ou outra teñen a culpa. El pasaba por alí. O problema desa estratexia é que comeza a estar moi vista. Feijóo leva ao fronte do goberno galego desde 2009, xa logo unha década. Manca a calidade da democracia no noso país que se comporte como se fose sempre un recén chegado e como se a fiscalización do seu traballo pola oposición, unha condición básica para falarmos dunha democracia minimamente avanzada, non fose con el.

Se asistirmos a unha sesión de control a Feijóo no Parlamento (algo infelizmente non ao alcance de toda a populación, polo estraño veto da TVG a retransmitila) comprobaríamos que o presidente da Xunta rara vez, se algunha, contesta as perguntas da oposición. A súa capacidade elusiva fai del máis un escapista circense, na esteira do mítico Houdini, do que un político digno de liderar un goberno democrático.

Fai mal, moi mal, Feijóo burlando unha e outra vez o control parlamentar. A oposición debería exixir xa a retransmisión polos meios públicos das perguntas ao presidente. Máis que nada para que o público tome consciencia e xulgue por si propio.

Comentarios