Opinión

A Patria e a sanidade

[Alberte Mera]

Remataron os actos de reivindicación e celebración do Día da Patria Galega, mais a mobilización segue porque os problemas do país aumentan. Hoxe veciñanza do Barbanza e da comarca de Noia continuará coas concentracións que cada sexta feira desde hai semanas realizan diante dos centros de saúde de Rianxo e Porto do Son. Denuncian que os municipios do Son, de Lousame e de Outes ficaron sen pediatra e que as familias téñense que desprazar até o concello de Noia. A eliminación de persoal de pediatría significa alén dos desprazamentos, que profesionais non especializados en atención médica á infancia atenda as crianzas. "Os nenos e as nenas non son adultos pequenos", explican a este medio profesionais de Outes. 

Os recortes sanitarios da Xunta da Galiza páganse caro este verán, con aumento de listas de agarda e falta de persoal. A Patria precisamente é coidar do país, facelo próspero para vivilo, traballalo e desfrutalo. Recortar en sanidade é danar a poboación e o país, son políticas que non fan Patria, que serven para baleirar de recursos ambulatorios, centros de saúde, puntos de atención continuada, hospitais e investigación sanitaria para engordar os beneficios das empresas privadas que se dedican ao campo da saúde, pero que, como empresas que son, o seu obxectivo é sacar beneficio económico.

Comentarios