Opinión

Os recortes homicidas: Feijóo, responsábel

A imputación de dous altos cargos da Consellaría de Sanidade en relación ao falecimento de no mínimo seis doentes de hepatite C é un asunto de extraordinaria gravidade. A fiscalía interpreta que decisións de carácter economicista -antepor o axuste nas contas ao coidado da vida humana- resultaron na morte de persoas. Por vez primeira hai unha tradución no ámbito xudicial do lema “os recortes matan”, un recoñecimento tácito por parte dun dos poderes públicos -a xustiza- de que determinadas políticas, alén de seren anti-sociais, son tamén homicidas.

A reacción do presidente da Xunta perante esta acción da xustiza é singularmente indignante e reafírmanos na idea de que Núñez Feijóo non podería actuar como o fai se a democracia na Galiza fose dunha maior calidade. En primeiro termo, e fiel ao seu estilo, optou por se desentender do asunto e por descarregar a responsabilidade nos médicos -serían eles, argumentou, os que determinarían cando e como se deben prescribir os fármacos-. A seguir, e facendo gala dunha insensibilidade impropia dun gobernante democrático, afirmou: “Por dous ou tres pacientes non me parece lóxico relacionar esas denuncias coa austeridade”. Non son dous ou tres, son no mínimo 6 vítimas mortais e existen indicios racionais de que as súas mortes puideron ser evitadas se as políticas ditadas por este goberno non tivesen como único obxectivo cadrar formalmente as contas.

A reacción do presidente da Xunta perante esta acción da xustiza é singularmente indignante e reafírmanos na idea de que Núñez Feijóo non podería actuar como o fai se a democracia na Galiza fose dunha maior calidade

Feijóo volta a parapetarse detrás do seu poderoso escudo mediático, o público ou o para-público, a imprensa amiga privada que o ten protexido nos momentos máis comprometidos da súa xestión. Isto é o que explica que a esta altura o presidente da Xunta aínda manteña nos seus cargos os dous directivos da Administración galega imputados por prevaricación e homicidio. Ao actuar así, asume el proprio a responsabilidade política. A oposición no Parlamento faría ben en aumentar a fiscalización de Feijóo e exixirlle que, por unha elemental decencia, rectifique e destitúa eses cargos. Do contrario, o lóxico sería que quen cesase nas súas funcións fose el.

Comentarios