Opinión

O rural alén dos mantras

[María Obelleiro]

Facémonos eco en Nós Diario dos axustes aplicados no ensino desde a volta do PP á Xunta da Galiza, uns recortes vinculados ao escaso investimento público na materia —Galiza atópase nos postos de cola do Estado en investimento en ensino— e concretados, entre outras cuestións, no fechamento de unidades educativas. Segundo as propias cifras de Educación, o número de unidades escolares en funcionamento ten relación directa coa poboación. Así, son as coñecidas como zonas pouco poboadas, correspondentes ao rural, onde máis se perciben os recortes da Xunta da Galiza.

O fechamento de unidades en centros de ensino do rural é un exemplo máis de que non se fai o posíbel para reverter o despoboamento. Apélase, desde o Goberno, a fixar poboación no rural, a un rural vivo, a facelo atractivo e a garantir o relevo xeracional, mais isto non é arte de maxia. Haberá que reforzar os servizos públicos para contribuír a que as persoas non marchen para os puntos máis habitados. O transvasamento campo-cidade podería frearse, e mesmo reverterse, se existisen as mesmas posibilidades que nas vilas grandes, con colexios con todo o profesorado necesario, con centros de saúde co persoal sanitario preciso e con servizos de atención ás persoas maiores. Fechar escolas e sucursais bancarias e baleirar centros de saúde vai na liña contraria do que debería facerse.

Comentarios