Opinión

A nova varíola

Dende o punto de vista científico, estamos a vivir unha época incriblemente interesante, xa que temos tecnoloxía que nos permite investigar o desenvolvemento de novas enfermidades case en tempo real. Por primeira vez, podemos "ver" como os microorganismos mutan e como se desenvolve a súa historia evolutiva. Dende o punto de vista sanitario e humano, as novas zoonoses son o desafío máis importante ao que nos enfrontamos. 

A mpox ou varíola símica é coñecida dende 1970 e forma parte da mesma familia de virus que a varíola humana, a primeira enfermidade erradicada da historia da medicina (curiosamente, en 1977, pouco despois da identificación da mpox. Hoxe sabemos que a varíola acompañou o ser humano dende o inicio do Neolítico, foi identificada en momias exipcias e causou epidemias periódicas ao longo de toda a historia. O virus símico non procede realmente dos simios nin son estes o seu principal vector, polo que a OMS considera que o nome de varíola do mono non é axeitado por inducir a erro e polas connotacións racistas que pode traer, ao asocialo a países africanos. O primeiro surto en Occidente foi en América do Norte, ocasionado por roedores exóticos comercializados en Estados Unidos. Este é o principal medio polo que se expanden as novas enfermidades: a mobilidade de animais, voluntaria ou involuntaria, pero tamén a de seres humanos. As novas zoonoses van ser unha constante na contemporaneidade, na medida na que a tecnoloxía nos permite viaxar rapidamente a calquera parte do mundo, e que a globalización supón o traslado de mercancías de todo tipo (vexetais nos que poden transportarse insectos, roedores oportunistas e tamén tráfico de animais exóticos) entre continentes.

A parte positiva é que neste caso temos ferramentas para combater os surtos e non se vai producir a catástrofe que supuxo para os pobos americanos a colonización europea, outro tipo de movemento poboacional que trouxo consigo tamén o virus da varíola. Por desgraza, só prestamos atención ás enfermidades emerxentes cando poden afectar os países próximos culturalmente, mentres que permanecemos indiferentes cando o problema se circunscribe a África. Incluso a alerta da OMS para favorecer a vacinación nos países afectados ten unha certa compoñente racista, porque no fondo semella querer impedir a expansión a occidente, e non tanto a perda de vidas humanas que xa está a ocasionar. 

Comentarios