Opinión

Tsunami populista

Semella que unha fornada de machos alfa saturados de hormonas dirixen os países xigantes. Convén anotar que Angela Merkel é sensata excepción, e Xi Jinping, presidente chinés, xoga fóra da democracia.

No xigante de América do norte vemos o excesivo Trump no trono do mundo, aupado polo desencanto dos esquecidos e os intereses das forzas máis conservadoras. No xigante do sur, Bolsonaro, un epígono militar inquietante. O ultranacionalista Modi tentando expulsar a ampla minoría musulmá da nacionalidade hindú. E Putin, especie de zar de todas as Rusias. Unha palabra segue como unha sombra os que dirixen a avariada nave do planeta: populismo. Trampulleira crítica contra as elites. Bálsamo de Fierabrás para problemas complexos. Antipluralismo dos que representan o “pobo” mentres que os adversarios orbitan ao redor de partidos radicais, corruptos, inmorais. E o eixe de todo populismo: apoderarse do monopolio da representación moral do pobo, recorda H.W. Müller.

Hai outros paradigmas como o turco Erdogán ou o húngaro Orbán, cara brutal da democracia iliberal. Espellos deformantes onde o populismo reflicte a peor imaxe. A que coloniza o Estado. A que tece a arañeira dos clientelismos. A que reprime a sociedade civil. A que afoga a voz dos medios. Exhibindo con desvergonza carné demócrata.

Miramos agora dentro da casa e, co medo no corpo, non vemos cordóns sanitarios contra a marea ultraconservadora. Moitos “transitamos”, e mesmo por veces tragamos o intragable por aquilo de termos a festa en paz, por ver se o exercicio democrático nos facía andar a todos. Coidabamos que dándolle tempo, os inevitables cambios que se aveciñaban desembocarían nunha sociedade máis aberta e plural. E así foi para moitos dos cidadáns, non para todos. Hainos que non asumen que a democracia é un proxecto inacabado que pode que precise marcos, mais non inamovibles. Daquela a democracia soamente lles é merecente cando confirma e reafirma a súa interpretación da realidade. Néganse ao reclamo de abrir espazos novos se non figuran esas expectativas na súa organización social. E non dubidan en asaltar os órganos do poder xudicial para desde a enxeñaría do dereito invalidar, impedir ou entorpecer o que non conseguen derrotar mediante o voto ou o debate lexislativo democrático. E nesas andamos, na pretensión de volver atrás: nostalxia dun pasado idílico e de privilexios de casta fronte a esperanza dun futuro mellor. Falta de respecto polos depositarios do coñecemento e da dúbida razoable fronte aos donos de dogmas. A tribo fronte ao cosmopolitismo. E o autoritarismo de líderes “fortes” atropelando os tempos pausados da democracia.

Despois de 4 décadas respirando aire europeo e baixo o paraugas da Constitución, aínda hai partidos reacios aos principios democráticos. A saber, o poder dos votos que se contan aos que opoñen o “pobo real”, á “maioría silenciosa”. A alternancia no poder, base da democracia, cambaleándose ante acusacións de ocupación ilexítima. A función dos partidos que representan a diversidade, nunca a totalidade.

Curiosamente, o discurso antielitista inflamado polo ruído e a furia das masas acaba reforzando as elites. Iso si, explotando o sentimento de frustración da xente, o desencanto por unha globalización inevitable pero desnortada, feita desde os fondos de investimento e non para ver de investir nos que andan polo fondo, a dixitalización que multiplica os prescindibles e os círculos de ilustrados provocando unhas distancias que afondan na brecha cultural e económica, os secesionismos dos ricos, os medos asociados ao cambio climático tan complicado coma inevitable, a manipulación da inmigración. Nese totum revolutum medran vizosas as fake news, a angustia económica, a sementeira do odio.

O rebumbio mediático impide ver a realidade. Partidos conservadores copan os símbolos. Autoproclámanse representantes exclusivos da vontade popular. Son antipluralistas dedicados a deslexitimar ao adversario. Exhiben líderes que se comportan como demagogos narcisistas alleos á realidade.

Ao final, queda o sentidiño da xente, volver aos ideais ilustrados, á dúbida razoable, ao cosmopolitismo, aos dereitos humanos, ao respecto do coñecemento, á cortesía, aos votos que se contan. Son cousiñas que cocen lento no caldo da democracia, arte sofisticada para resolver xuntos os problemas de todos. E para enfrontar o tsunami populista.

Comentarios