Opinión

A vía pacifica ao socialismo

Foron moitas as ilusións que se espertaron no pobo chileno o 4 de setembro de 1970 cando o socialista Salvador Allende gañou as eleccións presidenciais á fronte dunha coalición de esquerda. Fíxoo por moi pouca marxe, un 36,3% dos votos, fronte á dereita de Alessandri que obtivo un 34,9% e ao conservador demócrata-cristián Tomic cun 27,8%. Non tiña asumido a presidencia e comezou a conspiración, xa que propuña cambios económicos e sociais que a dereita chilena e os Estados Unidos consideraban inaceptábeis. Dicía ese mesmo día Allende, líder da coalición Unidade Popular: “Triunfamos para derrotar definitivamente á explotación imperialista, para rematar cos monopolios, para facer unha seria e radical reforma agraria, para controlar as importacións e exportacións, para nacionalizar o crédito...” (Chile, vence el pueblo, comienza la conspiración; Transformaciones; Centro Editor de América Latina, Arxentina).

Unha das medidas máis salientábeis do seu goberno foi a nacionalización da minería en xullo de 1971, que chocaba cos intereses de Washington que controlaba a produción e exportación de cobre. Era tal a importancia deste mineral na economía nacional que nos primeiros 50 anos de explotación polas empresas estadounidenses calculase que se levaron do país en beneficios 4.600 millóns de dólares da época, até o ano 1964, cifra que equivalía á metade de todo o patrimonio de Chile.

A chamada “vía chilena ao socialismo”, pacifica e a través do voto, alentou a mobilización laboral e social durante a etapa de Allende, dado que o poder estaba no protagonismo popular; concretamente pasouse de 23 ocupacións de fábricas por folgas no ano 1969, a 523 só nos primeiros 8 meses de 1971. “Produciuse unha radicalización enorme da loita de masas, folgas, ocupacións, etc. Os traballadores esixían ao 'seu' goberno novas nacionalizacións, maior participación, un afondamento do proceso” (Pinochet, Chile bajo la dictadura militar; Hugo Moreno; Historia de América; Centro Editor de América Latina; Arxentina). Co goberno da Unidade Popular mellorou a distribución da renda, en concreto, durante o ano 1971 até o mes de novembro aumentou o consumo de produtos como as aves nun 16%, o porco nun 18% e as patacas nun 55%. A renda dos asalariados/as aumentaron dende o ano 1970 ao 1971 do 51% ao 63% do PIB.

A oligarquía non estaba disposta a aceptar este grao de protagonismo, de poder, das clases populares, que mudaba a correlación de forzas e cuestionaba os seus privilexios. Comezou unha forte confrontación no eido económico: paro de transportes e, moi especialmente, desabastecemento de produtos básicos. Mais non se detivo neste aspecto “o esquema de 'golpe legal' civil consistía en provocar o deterioro da situación económica; gañar a loita do relato a través dos medios de comunicación hexemonicos; a penetración nas forzas armadas; e a preparación de grupos paramilitares realizar accións de 'apoio' ao deterioro económico” (Estos mataron a Allende, Robinson Rojas, Ediciones M.R., Barcelona).

A vía chilena ao socialismo rematou violentamente en setembro de 1973 por mor dun golpe de estado, durante o cal foi asasinado Salvador Allende durante a ocupación da Casa de Goberno. O golpe comandado polo xeneral Augusto Pinochet instaurou unha ditadura militar sustentada na represión, con detencións, torturas e mortes de persoas ligadas ao movemento popular. A Xunta militar disolveu o Parlamento, suspendeu aos partidos, puxo fóra da lei a Unidade Popular e ao MIR así como á CUT (Central Única de Traballadores), declarou o Estado de Sitio de modo permanente. Calculase en 3.000 as persoas mortas e desaparecidas e en 40.000 as abranguidas pola represión. Ademais do secuestro de dereitos democráticos fundamentais outra das consecuencias do golpe foi a privatización das empresas públicas e pensións, e un goberno servil aos intereses do gran capital e corporacións tras-nacionais. Chile converteuse en experimento e exemplo neoliberal.

A implicación dos Estados Unidos neste golpe militar en Chile sería evidente, aínda que naquel intre se negase, como recoñecía un ano despois o presidente Gerald Ford (1974-77) cando declarou á prensa: Os esforzos realizados neste caso constituíron en asistencia para preservación dos xornais e medios electrónicos opositores, como para preservación dos partidos políticos da oposición (...) no interese do pobo de Chile e, certamente, tamén a prol dos nosos intereses” (El fantasma de Chile; Zenón Alvarado Acevedo; Chile). En realidade Washington era quen adestraba e daba indicacións aos exércitos e partidos de dereita de América Latina. Chile non era unha excepción... aínda segue sucedendo.

Existe unha diferencia abismal entre aquela etapa de Allende non só co período da ditadura de Pinochet, senón cos anos posteriores e a situación actual en Chile. Salvador Allende levou adiante medidas de nacionalización e un mellor reparto da riqueza producida, dando folgos á mobilización e protagonismo popular, malia a dura oposición e ameazas da dereita. Non é así na actualidade con Boric, mesmo estando en minoría no Parlamento, o pobo esperaba cando menos uns cambios mínimos, que non se fixeron, pregouse no social e laboral ao gran capital, e na política exterior aos intereses dos Estados Unidos. Ou sexa, hai moito que lembrar e aprender daquela experiencia con Allende, na que se alentou a participación da maioría social. Mentres que hoxe Gabriel Boric só deixa terra queimada, cun seguidismo do que non se aprende ren, que fortalece o relato da dereita e o imperialismo. Son épocas distintas, mais tamén obxectivos e métodos de traballo que temen a rúa.