Opinión

As causas do autoritarismo ruso

Emmanuel Todd, o sociólogo que anticipou a caída da URSS, vén de publicar un novo e ameno ensaio: A derrota de Occidente. Nel define os Estados Unidos como unha oligarquía liberal e Rusia como unha democracia autoritaria.

Vexámolo en máis detalle. Os Estados Unidos estarían gobernados hoxe en día pola elite que controla o poder económico e, polo tanto, o seu Estado non se podería cualificar de democrático. Ao mesmo tempo é un país que mantén un gran respecto polas minorías, aínda que non creo que isto inclúa totalmente os afroamericanos.

Rusia, á inversa, tería un goberno que atende os intereses da maioría, e nese sentido é democrático, segundo Todd, pero ao mesmo tempo non dubida en oprimir as minorías, aínda que o autor fai a excepción das minorías nacionais ou étnicas que si son respectadas.

Todd atribúe o autoritarismo ruso, vixente cando menos desde os zares, a razóns antropolóxicas, similares ás que se dan noutras moitas partes de Asia e, máis en concreto, ao papel da familia patrilineal, na que a autoridade do pai non é discutida.

Aínda aceptando esta visión antropolóxica, que está presente en todo o libro, hai que ter en conta que a familia rusa, desde a época soviética, é unha familia nuclear, ao estilo de Occidente. Non creo, por tanto, que o peso histórico teña moita relevancia a día de hoxe.

Pola contra, hai outras razóns para ese autoritarismo que teñen que ver, sobre todo, co tamaño e, en certa medida, co atraso do país. Unha parte da dureza bolxevique, incluídas as purgas de Stalin, debe ser atribuída á ameaza nazi. Pero xa desde antes, a revolución encontrara dificultades case irresolúbeis para aplicar a súa política. Algo diso contei no meu ensaio narrativo: A parte queimada. Stalin e Robespierre.

As incríbeis distancias, acompañadas dunha densidade de poboación moi baixa, facían difícil transmitir as ordes. Estas ían de man en man até chegar reinterpretadas, cando non notabelmente deturpadas, aos seus destinatarios. Tal situación esixía das autoridades unha vontade decidida. Por outra parte, o mal estado dos camiños e das comunicacións en xeral facía que as ordes se atrasasen, non xa semanas, senón incluso meses. Se a isto sumamos as diferenzas idiomáticas e incluso étnicas teremos un cadro moi difícil de gobernar e sobre o que se facía custoso introducir cambios ou reformas.

Hoxe, como é lóxico, as condicións son diferentes, pero o Estado ruso, que se define como federal, segue formado por 24 repúblicas, a maioría con linguas propias, e o territorio segue a ser enorme. A iso sumemos, aínda que sexa sinteticamente, as diferenzas relixiosas. Moscova conta, por exemplo, cun millón e medio de habitantes de adscrición musulmá, dunha poboación total de quince millóns. Pilniak, un escritor disidente, desaparecido na primeira etapa soviética e defensor das raíces asiáticas do país, dicía que dentro de cada cidade rusa había sempre unha aldea china. Nada resulta fácil neste antigo imperio, con independencia de quen o goberne.

Comentarios