Opinión

Palabras vellas, tempos novos

O profesor mexicano, Alfredo Jalife-Rahme, avisaba hai poucos días de que os conceptos políticos do século XX xa non nos serven. E pedíalle aos sociólogos que inventasen novas expresións.

En efecto, a confusión terminolóxica está a xerar numerosos equívocos. A discusión nas redes vólvese inútil cando uns e outros non queremos dicir o mesmo ao utilizar palabras como esquerda, liberalismo ou globalización.

Desde posturas antiimperialistas, fálase de globalismo para acusar os Estados Unidos. Pero China tamén foi, nas últimas décadas, globalista, obtendo así grandes vantaxes. Trump, Putin e Elon Musk teñen, en parte, posturas coincidentes sobre a guerra de Ucraína. Ao mesmo tempo, Trump e Elon Musk, que se converteu ultimamente nun actor político, tratan por todos os medios de expulsar a Maduro do goberno. Rusia, porén, recoñeceu de inmediato o resultado electoral en Venezuela.

Hai quen fala de esquerda liberal para referirse a unha esquerda que apoia a OTAN, pero esa definición non é aceptada por todos. Os chamados fascistas de hoxe, pola súa parte, son anti estado, a diferenza dos de hai cen anos.

A confusión non é de agora. Remóntase ás últimas décadas do século XX. Pensemos no PSOE ou no diario El País. Son de esquerda? Unha definición que parece exacta, pero que non circulou o suficiente, é a de que os dous, partido e periódico, son de centro no político, de dereita no económico e de esquerda no social.

Con todo, non gustan estas definicións complexas, aínda que deberiamos acostumarnos a elas. Adrián Díaz Marro, un neoliberal que vive e traballa en China, sostén que o de Xi Jimping é un réxime máis capitalista que o dos propios Estados Unidos, cun estado de benestar máis reducido que o norteamericano. 

Aínda que iso fose enteiramente certo –eu penso que é unha verdade sen contexto–, tamén é evidente que China está enfrontada aos Estados Unidos. Estamos entón ante dous imperialismos que compiten? 

En todo caso, para explicar calquera destas contradicións, reais ou aparentes, é necesario acudir a argumentos que van máis alá da vella política de bloques.

Que se pode dicir entón, sen estendernos demasiado? É moi probábel que ideas como dereita e esquerda, imperialismo ou soberanía sigan sendo válidas, pero en cada caso necesitan dun marco, tanto espacial como temporal, que os concrete.

O goberno chinés é talvez o primeiro que converteu a ideoloxía nunha caixa de ferramentas, da que vai extraendo a parte máis apropiada en cada momento. Até agora, China recorreu a un capitalismo neoliberal, aínda que seguise fielmente os obxectivos dos plans quinquenais e mantivese sectores estratéxicos en mans do Estado. Non obstante, unha vez logrado un alto nivel de acumulación de capital, comezou tanto a incrementar o estado de benestar, por exemplo na saúde, como a regular con máis intensidade o papel das grandes empresas (pensemos no caso do grupo Alibabá). 

Certo. Os politicólogos, e demais actores, teñen un importante traballo conceptual por diante.

Comentarios