Opinión

Papagaio: Cousa de dúas

En Valença do Miño arrinca o consolidado Festival IKFEM 2024, marabilloso encontro que debe marcar o noso calendario e que comeza co concerto, Coisa de dois, dois talentos, Salvador Sobral e Marco Mezquita, voz e piano. Noite linda que me gustaría compartir contigo, LV. Decido que o título da columna vén da man deste concerto.

Hai un ano convocadas pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda celebramos o 15 de xullo, como xa che contei daquela, o teu aniversario na Coruña con un guateque e un título: Silencio, bailamos. Este ano no mesmo edificio celebrámoste coa presentación da nova e fermosa edición de Papagaio da que se responsabiliza a ediorial Kalandraka. Encheuse o espazo do Circo de Artesáns, elección moi acertada o lugar, ao levantarmos a vista, seguindo as indicacións de Chisco Fernández Naval, reparamos que nunha das pinturas do teito figuraba un papagaio, obra do pintor Román Navarro.

Coñecín o proxecto Papagaio desde a súa xestación, ese diálogo que a fotógrafa Maribel Longueira desexaba establecer coa poesía, para salvar a memoria dun lugar. Levaba tempo fotografando o espolio, como unha cronista; documentándoo, entrando na ruína, como unha arqueóloga. Tempo vivindo como a especulación urbanística eliminaba un anaco da cidade da Coruña. Ela, tiña que lle pór remedio. Soubemos da proposta para dialogar coas súas fotos, do acordo contigo. O libro estaba feito, non podía ser doutra maneira, Longueira atrevíase cos teus poemas, ti, atrevéraste coas súas fotografías. Escribiches, LV, rápido, posuída polo alento da vida, nas imaxes. Levácheslle de agasallo a Longueira, a pastorela do século XIV de D. Dinís, para abrir o libro, e 19 poemas. Unha poesía que avanzaba no teu proxecto literario, algo novo, entrar na chaga aberta da vida (das outras), escribir con ese sangue, o silencio de palabras e palabras. Sen aviso partiches durmir fóra. O teu galano ficou na carpeta, custodiado pola súa dona, Maribel Longueira. Vin as fotografías e e lin os poemas, mentres Longueira argallaba a exposición e procuraba editorial, doía a túa partida. O 18 de novembro de 2004, antes da exposición, antes do libro, en A Nosa Terra, atrapada por ese diálogo entre as dúas, escribín "Viaxe sensual polo Papagaio". Primeiro foi a exposición, as fotografías e os poemas, o libro posto en pé, a amizade rebentaba nas paredes, era cousa de dúas. No 2006 cun esforzo tremendo, a editorial Laiovento, en colaboración coa Deputación da Coruña, publicou o libro. Coa exposición visitaches vilas e cidades, cruzaches o Atlántico, o libro agardaba nas librarías e non se leu todo o que merecía.

Na nova e coidada edición, M. L. inclúe unha dedicatoria ao entrañábel amigo, Pancho Pillado, que che gustaría, que en realidade foi un fervente defensor de Papagaio e de toda a túa obra. Un lúcido prólogo de Eva Veiga, complementa o de Fernández Naval da primeira edición, cousa de dúas, este afecto.

En Papagaio, a palabra, o verso faise carne e entra no interior do que xa non está e é, para habitar as portas cara a dentro, para reconstruír a ruína que o ollo da arqueóloga-fotógrafa M. L. che/nos regala: a volta do bordado da especulación. No ano 2007 afirmei algo que sigo pensando, escribir de amor así, é un acto revolucionario. Todo é cousa de dúas, xa que a nosa pertinaz amiga, M. L., non esquece que estás aí.

Comentarios