Opinión

As persoas discretas

Igual que aínda moitos homes a día de hoxe ignoran os misterios de como chega a comida á mesa ou nin reparan na importancia de que o baño estea limpo, na nosa vida social e colectiva son moitas as veces nas que ignoramos ou non reparamos nas persoas que fan falla para que as iniciativas de todo tipo saian adiante. Penso agora tanto no traballo invisible que fai que as organizacións de base activista funcionen como naqueloutros traballos remunerados grazas aos cales un evento acaba con éxito e resultados.

No meu labor como intérprete cruzo moitas veces camiños con persoas que están detrás das bambolinas xestionando todo, incluídos os fumes dalgúns elementos que case nunca faltan. Contactan con relatoras, equipos, provedoras... Adoitan ser persoas discretas, amables e con fonda temperanza. Todas estas son algunhas das palabras que poden caracterizar o facer e o carácter de Marcos López, que nos deixou de maneira repentina a semana pasada.

Xunto coas súas compañeiras de Capicúa 360, Belén Freijeiro e Eva Mejuto, ademais de como activista LGBTQ+, a presenza de Marcos estaba sempre marcada pola amabilidade, o humor e o facer discreto de quen sabe o que se precisa no momento necesario. Coas súas compañeiras estivo na creación de eventos tan fundamentais como os Congresos da Memoria Diversa, Urbtopías ou no congreso de Placemaking de Pontevedra. Marcos era a man atenta sempre tendida, a broma lucense necesaria. Tiven a sorte de percorrer algún camiño con el, que agora lamentablemente non poderá prolongarse, no que destacaba sobre todo esa calidez. A creación de redes, a satisfacción de quen visita un lugar, a atención á palabra e aos feitos son actividades que poucas veces, como a comida no prato ou o baño limpo, chaman a atención ata que deixan de estar. Igual que a amabilidade no trato, algo tan básico como cada vez menos frecuente.

Todas estas cousas deixou Marcos connosco. E se ben asumir que alguén marche de xeito repentino resulta complicado, tamén é de xustiza lembrar colectivamente a aquelas que constrúen sen estrondo, sen estar na visibilidade, sen saír necesariamente nos medios. Mais que están no día a día, no sachar de cada momento, na construción dunha ilusión colectiva que agora fica nas nosas mans. Grazas, Marcos, polo teu exemplo. Seguiremos traballando, no público e no privado, no máis visible e no que ninguén ve, co ánimo alegre da túa ilusión, humor e trato.

Comentarios