Opinión

Todas somos inmigrantes

Sabedes esa frase de... "isto reconcilioume coa especie humana", pois pasoume estes días cun comunicado da Sociedade Deportiva Monterroso onde amosan toda a súa disposición a colaborar para a inclusión das persoas inmigrantes na súa vila: doazón de material e roupa, cesión das instalacións…; ou cunha entrevista con Isaura, unha veciña de Becerreá que emigrou a Francia e que di: "Eu fun coma estes nenos que acaban de chegar, unha migrante sen papeis";  ou a hostaleira de Sobrado dos Monxes que di que algún día sentiremos vergonza porque non fixemos nada para parar as mortes no Estreito. 

Segundo o CIS, 17% da poboación (entre a de 18-24 anos máis de 21%) considera a chegada de inmigrantes o principal problema que ten o Estado español. Non importa que os datos de chegadas sexan moi semellantes aos doutros veráns, se só escoitas as televisións pensarás que está a chegar Almanzor que vén destruír a nosa cultura.

E axudando a crear un estado de opinión contrario ao acollemento de persoas inmigrantes temos que soportar os discursos políticos xenófobos. Ao inicio do verán, o portavoz do PP, Miguel Tellado, chegou a propor que o Goberno español despregase fragatas ao redor das costas africanas para impedir que saísen as pateiras cheas de inmigrantes. Ou escoitamos a algúns alcaldes. E aquí, coma sempre, non todos son iguais. Véxase, se non, a tranquilidade do alcalde de Mondariz-Balneario (BNG) fronte ao de Monterroso (PP), que di que son unha vila moi tranquila sen ningún tipo de problemas e de súpeto chégannos 120 persoas dunha cultura completamente distinta e que no están adaptados ás nosas circunstancias, ou o de Sobrado (PSOE) que afirmaba que aceptarían inmigrantes se é para fixar poboación no medio rural, pero non para isto, unha estadía pasaxeira, dun mes e medio, para seren despois deportados ao seu país. 

Mais, coma sempre, é a sociedade civil a que parece entender eses mozos que foxen da guerra, ou da fame, que buscan un futuro, non xa un futuro mellor, simplemente un FUTURO. 

Comentarios