Opinión

Meses cruciais

De sobresalto en sobresalto até novembro: son as perspectivas suxeridas polos violentos acontecementos do 13 de xullo en Pennsylvania (EUA). Da posibilidade dunha vitoria da dereita populista francesa á persistencia dun Oriente Medio en equilibrio precario, cun Israel deleitándose na matanza masiva de civís mais empantanado militarmente. Da derrota en curso das Forzas Armadas de Ucraína e a OTAN ao intento de asasinato do presidente eslovaco ou Donald Trump. A estabilidade mundial semella atoparse pendente dun fío continuamente. Máis alá das evidentes neglixencias do servizo de seguridade dependente da Casa Branca son tres as hipóteses plausibles: unha escenificación de auto-atentado (en principio descartable polos datos coñecidos, as vítimas ocasionadas e os riscos evidentes de ser descuberto), a acción kamikaze dun desequilibrado actuando como lobo solitario para propiciar o caos (posible aínda que segundo a tipoloxía do atacante eliminado, pouco probable) ou un complot coa intención de borrar a Trump da carreira electoral. Non tiña Thomas Matthew Crooks antecedentes penais nin psiquiátricos e o seu perfil era o dun post-adolescente ben formado que botou man dun fusil adquirido polo proxenitor nun país con máis armas en circulación ca habitantes. Rexistrado como votante republicano, mais doante dun comité de acción política progresista, aparecera nun spot publicitario do fondo de investimento BlackRock.

Calquera observador externo que analice a figura do candidato, e as repercusións que pode ter a súa volta a nivel interno e internacional, podía deducir que a súa vida corría e corre perigo. O (intento de) magnicidio é tradición estadounidense, case desde a súa fundación: Andrew Jackson, Lincoln, Roosvelt, Kennedy, Luther King, Reagan... e todos eles comparten afectar, dun ou doutro xeito, poderosos intereses do stablishment en cada etapa. Foi xa Eisenhower quen advertiu a JFK en 1961 sobre os perigos do crecemento de poder do “complexo militar-industrial”.