Opinión

Xeopolítica do gas

Diciamos o venres pasado nesta columna que o choque entre a Federación de Rusia e un Occidente capitaneado polos EUA é resultado premeditado dunha concatenación de decisións conscientes e metodicamente tomadas en materia de seguridade colectiva baixo as distintas administracións estadounidenses desde o desmembramento da URSS. Fagamos breve repaso: Clinton violou o acordo tácito sobre que a OTAN non se movería "un milímetro" cara ao leste a cambio da reunificación xermana, establecendo bases militares ao redor das fronteiras rusas. George W. Bush desatendeu o Tratado ABM (cerna da non-proliferación) asentando bases anti-mísiles en California, Alaska, Europa do Leste, Xapón ou Corea do Sur e favorecendo o estalido do conflito en Xeorxia a finais de mandato (2008). Obama emprendeu un ataque directo (bélico non-militar) co obxectivo de expulsar Rusia das bases do Mar Negro, derrocando o goberno lexítimo de Ucraína (Maidán, 2014), até daquela en relativa boa avinza coa potencia euro-asiática e precipitándose así a Guerra do Donbass. Trump favoreceu un intento de revolta de cores (2020-2021) en Bielorrusia e incrementou os riscos nucleares ao ampliar o limiar de supostos para emprender un ataque con armas atómicas, desenfocando con isto as liñas dunha guerra convencional. Baixo a presidencia do segundo de a bordo de Obama (do vello Biden) desencadeouse "o programado". 

A nova incursión occidental en Kursk contemplaba tres obxectivos operativos táctico-estratéxicos: detraer tropas rusas da fronte do Donbass (conseguido parcialmente), tentar capturar a central nuclear da rexión e provocar un corte total de subministro de gas cara a Europa Occidental. Nos tres supostos semella fracasada nesta altura pois, o exército ruso avanza máis rápido en Donetsk e un país como Austria (que non integra a OTAN) denuncia "grave risco" para si no que atinxe ao último suposto. Con todo, os prezos aumentaron sensiblemente, a beneficio de EUA e Rusia. Sobre o guión.

Comentarios