Opinión

Da crise da covid-19 a unha reafirmación da postura abolicionista

Nunha situación de emerxencia sanitaria na que a moitas abolicionistas nos teñen acusado de estigmatizar as prostitutas para supostamente arrastrar “as traballadoras sexuais cara á precariedade”, xorde de novo o debate da Europa do século XIX onde se discutía sobre se a prostitución era ou non un “mal inevitable”.

En plena pandemia, xa sectores doutras nacións do Estado, fixeron fincapé na necesidade de feche total dos locais de explotación sexual e manter as mulleres en refuxios seguros lonxe dos seus proxenetas así como de incluílas dentro dos recursos e servizos a disposición das mulleres en situación de violencia machista. Tras o levantamento do estado de alarma, é urxente que todos os Gobernos e Administracións se impliquen en frear o sistema prostitucional así como en impedir, mediante rendas básicas, que as mulleres se vexan forzadas a caer novamente nesta violencia patriarcal extrema que é a prostitución.

Está claro que o problema da abolición da prostitución é un problema de saneamento das relacións entre homes e mulleres e un problema das clases populares: no corpo das que nada teñen é onde a prostitución clava ferozmente as súas gadoupas.

Condenada pola relixión, castigada pola sociedade e lei, a prostitución non é só tolerada, senón que incluso se regula por algúns estados que, hipocritamente, permiten a súa existencia mais non garanten que as prostitutas estean decentemente aloxadas -nin sequera en interese da orde e saúde públicos-.Máis alá, claro está, do debate que suporía regular o número de horas de traballo diarias, o número de clientes, as horas de descanso etc.

As persoas prostituídas non só perden a autonomía do seu corpo outorgando un libre aceso a este senón as súas liberdades, vítimas dun mercado que lles lembra cada día quen son os seus “amos”. Porque cando alguén adquire un produto, adquire tamén o dereito a dispor del. E polo tanto, que ninguén pode defender ás prostituídas porque a violencia é intrínseca da prostitución; é unha consecuencia do patriarcado ou incluso, o patriarcado mesmo.

Considerar, deste modo, regular unha actividade onde a muller é empregada como un obxecto non é máis que o contrario aos principios de liberdade sexual polos que historicamente loitamos. Simplista é pensar que a dependencia dun patrón proxeneta é elixible. Regular esta actividade é incrementar a demanda de materia prima para abastecer este mercado aumentando con iso o tráfico de mulleres.

Na loita feminista non teñen cabida estados proxenetas nin permisividade fronte aos empresarios do sexo e invito a reflexionar ao redor das verbas de Amelia Tiganus, exprostituta e vítima de trata: “Moitas mulleres non queren renunciar ao seu recoñecemento social porque se deixan de existir putas o estigma desaparece pero tamén desaparece o privilexio social de non ser puta”.

Comentarios