Opinión

Cen días coma este

“Cento di questi giorni!", Un cento de días coma este!, felicitan o aniversario os italianos (en El Padrino din de forma aínda máis afouta, “Cent’anni!", como quen di de hoxe en cen anos). Os xornalistas non estamos moi afeitos a celebrar nada, e moito menos nada que teña que ver cun cento (ben, si, lembro cento e pico de despedimentos de vez nun xornal que non daba perdas).

“Cento di questi giorni!", Un cento de días coma este!, felicitan o aniversario os italianos (en El Padrino din de forma aínda máis afouta, “Cent’anni!", como quen di de hoxe en cen anos). Os xornalistas non estamos moi afeitos a celebrar nada, e moito menos nada que teña que ver cun cento (ben, si, lembro cento e pico de despedimentos de vez nun xornal que non daba perdas). Somos como os patróns e as viúvas, sempre pendentes das esquelas, que soamente coinciden nos velorios dos medios de comunicación porque non hai bautizos nin aniversarios. 

"Sermos constitúe un feito contracorrente a esas cerimonias do pesimismo sobre o negro futuro do xornalismo"

Os cen números de Sermos son, pois, unha feliz circunstancia, a constatación do seu propio nome, de que xa somos. Pero tamén constitúe un feito contracorrente a esas cerimonias do pesimismo que son as xornadas, os simposios, os congresos e os seminarios sobre o negro futuro do xornalismo. É un aturuxo que fende o balbordo de queixas e choromicadas habituais de que non se pode ou que non deixan facer un medio en galego, nacionalista, en papel, todos os estigmas xuntos (deus é unha muller negra lesbiana). 

Sempre o digo, e escribo. Cando escoito a tais gurús aventurar que a prensa impresa vai morrer en tal data, véñenme á cabeza aqueles informes científicos que demostraban sen lugar a erro a inviabilidade do tren. A estrutura física do home –e por suposto, menos a da muller- sería de incapaz de soportar os efectos de viaxar a velocidades superiores aos 25km/hora. Nos últimos anos, naceron e morreron soportes como as cintas de audio e de vídeo, os floppydisc. Houbo solucións de futuro que nin chegaron a ser presente, como o minidisc ou o DAB,  e mesmo outras resucitaron, como o vinilo, e leva camiño nalgúns ámbitos –manda truco!-, o cassette. A radio convive coa televisión, e ten unha simbiose perfecta con internet. Se o soporte papel durou tanto, é por algo: porque é eficaz. Ten graza que algúns que levan tempo decretando a súa morte ineludible por obsoleto e caduco defendan estes días algo tan moderno e racional como a monarquía. 

"Era dogma que os medios en galego non eran viables. Doado non é. Por iso ten máis mérito que estean sosténdose cos lectores"

Sei que o papel xa non vai ser o soporte universal. É tan absurdo decretar a morte do impreso como defendelo soamente por nostalxia. Os periódicos xa non se necesitan para envolver o peixe, din os cínicos. Non naceron para iso (nin os periódicos nin os cínicos). Tampouco para vender influencia política ou económica e non información. O futuro do papel que nos debería preocupar é o futuro do papel do periodismo. Se queremos e podemos ou non contar historias, as cousas que alguén non quere que se conten, as que interesan ás persoas. Porque pese a toda a sobredose de espectáculo que nos colan como información, a xente vai querer seguir sabendo que pasa, coñecer o que lle afecta. 

Tamén era dogma que os medios en galego non eran viables. Os que había, eran subvencionados, dicían (como se os outros non, e nestes tempos tristes houbese algún que dese beneficios). Doado non é. Non hai moita práctica nin en facelos, é certo, nin en lelos, temos que recoñecelo. Por iso ten máis mérito que os que hai estean sosténdose cos lectores, e non precisamente con subvencións. Iso si que é o mercado, poderiámoslles contestar usando os seus propios argumentos. Os proxectos persisten e se consolidan cando se fan como se deben facer. Se non, nin valen, nin paga a pena. 

Así que cen días coma este!, Cen anos máis de Sermos!

Comentarios