CONTRACULTURA

Belén Riveiro: "Cando saes do instituto, parece máis difícil coñecer a persoa homenaxeada co Día das Letras"

Belén Riveiro, guionista da webseries da Academia sobre Del Riego.
A guionista Belén Riveiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A guionista Belén Riveiro. (Foto: Nós Diario)

Belén Riveiro é a guionista detrás da webserie Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu, impulsada pola Real Academia Galega e realizada pola produtora Miramemira co obxectivo de contar as vivencias e logros do homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano. 

Que proceso seguiu para dar forma ao guión da serie?

En primeiro lugar, tomei Camiño andado como a Biblia. O bo que ten Paco del Riego son os seus libros autobiográficos, como é o caso deste, polo que á hora de elaborar un guión é máis doado. Non tes que buscar rebuscar en diferentes libros e fontes, senón que el xa te conta todo en primeira persoa. Por outra parte, Malores Villanueva foi unha persoa moi achegada a el nos seus últimos anos e tamén é autora da súa biografía. Eu tiven a sorte de que me enviara o libro, e entre iso e o que me contaron as persoas que entrevistamos puiden completar a información que precisaba. Ao final estas persoas son quen viviron con el, quen o coñecen, e isto axuda moito á hora de construír o relato. 

Tamén é certo que a TVG foi unha fonte bastante importante porque en 1985, cando se creou, Paco del Riego xa era unha persoa moi coñecida por todo o seu traballo en Galaxia, na Fundación Penzol e en xeral no movemento cultural galego, polo que até o ano do seu falecemento, en 2010, hai moitas entrevistas del no arquivo. De feito, nun dos capítulos sae unha entrevista del en 1986 fumando un puro, unha imaxe que hoxe é bastante chocante. Tamén puiden revisar bastantes actos, entrevistas e demais material de cando foi presidente da Real Academia Galega. 

Esta é unha forma de achegar as Letras Galegas á xente nova, mais tamén sería complicado seleccionar escenas concretas dunha vida 
tan ocupada. 

Precisamente. Aínda que a serie tamén está pensada para emitirse na TVG, co cal chegará en boa parte a un público diferente, é certo que ao estar na rede dá a oportunidade á xente nova de acceder á persoa homenaxeada. Nos centros educativos si que é unha figura que se traballa moito e durante varios meses, mais parece que unha vez que saes do instituto é algo que se afasta de ti. Ao mellor cando sabes quen é a persoa homenaxeada podes ter o interese por saber máis se non a coñecías ou mercas un libro, mais é algo que creo que queda un pouco curto e que depende moito do traballo persoal e da implicación que teñas. Estas series dan a oportunidade de que, se ti queres e tes un mínimo de curiosidade, coñecer a persoa homenaxeada do ano sexa máis fácil e ameno. 

Ao final, os vídeos teñen unha duración de entre dez e quince minutos, que é a duración ideal, por exemplo, cando vas no bus ou cando estás agardando nunha fila. Con respecto á selección de episodios concretos, é certo que é moi complicado. Foi unha persoa que viviu 97 anos e que desde os 17 tivo moita implicación en todo. Quizais non era o gran protagonista do galeguismo, porque realmente eu creo que el tampouco quería ser o protagonista de nada, mais si que estaba en absolutamente todo, por iso hai cousas que tiveron que quedar fóra.

Cales son as súas sensacións tras a participación no proxecto?

Este é o primeiro ano en que participo e a min persoalmente é unha figura que me sorprendeu. Aínda que sabía que fixera tantas cousas, ao falar coas persoas entrevistadas, ler sobre el e velo nas entrevistas deume a sensación de que era un loitador, unha persoa moi altruísta que sempre pensou en facer o ben común en lugar de para si mesmo.

Tamén me gustou moito ver o seu carné do Celta, porque é como sacalo do contexto máis culto e ver esta faceta máis afeccionada e relaxada. Hai un episodio concreto que me chamou moito a atención e que me comentaba Damián Valera, o director. Paco del Riego tiña as cartas do galeguismo da posguerra, que era algo moi clandestino. Entón, el o que fixo para evitar que as colleran foi metelas nunha maleta e soterralas na finca da súa nai, onde estiveron anos até que se atoparon e se publicaron posteriormente no libro Castelao e os galeguistas do interior (Galaxia).  
 

Comentarios