Teatro

Unha reflexión sobre turismo de masas e intelixencia artificial en 'Non é unha canción', de Souvenir

A compañía galega de teatro contemporáneo e artes do movemento dirixida por David Alonso e María de las Llanderas presenta na Coruña o texto premiado no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir.
María de las Llanderas e David Alonso, da compañía Souvenir. (Foto: Iria Casal Lamata)
photo_camera María de las Llanderas e David Alonso, da compañía Souvenir. (Foto: Iria Casal Lamata)

O Teatro Rosalía Castro da Coruña reflexiona sobre o turismo de masas e a intelixencia artificial a golpe dun singular humor ácedo e absurdo coa estrea absoluta do espectáculo Non é unha canción, da compañía Souvenir. A peza poderá verse na sala herculina o día 26 de xaneiro, ás 20.30 horas. 

O texto de Non é unha canción foi premiado no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O galardón supón a estrea do espectáculo no Teatro Rosalía Castro. A posta en escena da peza conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e coa colaboración de ACT Galicia. 

Souvenir é unha compañía galega de teatro contemporáneo e artes do movemento dirixida por David Alonso e María de las Llanderas. A formación traballa para crear un espazo de encontro e de experimentación lúdica. Interésalle aquilo que está fóra do entendemento racional e da lóxica psicolóxica. A intuición, o azar, as artes do movemento e a súa combinación coa palabra son algúns dos eixos que vertebran o seu traballo. Souvenir procura unha forma de estar no mundo improdutiva, inútil e festiva. 

Xogar co inconsciente

Con Non é unha canción, a compañía busca abrirse a un xeito de traballar onde a intuición, o xogo e o inconsciente teñan un rol principal. Experimentan co humor absurdo e existencialista para reivindicar unha forma de estar no mundo improdutiva, porque pensan que no século XXI non hai nada máis antisistema que perder o tempo.

Unha serie de preguntas guiaron o proceso de creación do seu novo espectáculo: se no escenario puidésemos facer o que realmente quixéramos, sen ningún tipo de limitación, cales serían as nosas fantasías máis salvaxes? Que sucede cando os universos creativos de dúas persoas teñen que confluír para materializarse? Como chegamos a acordos para reflectir as nosas inquedanzas comúns e individuais? Como podemos sorprendernos e chegar a lugares fóra da nosa zona de confort como creadoras? 

Comentarios