Máis

O Intercéltico non coñece fronteiras

Desde hoxe e até o 30 deste mes decorre en Moaña o Festival Intercéltico do Morrazo (FIM). Un evento de case corenta anos de historia que procura a unión entre a cultura celta galega e a que se atopa máis alá do atlántico a través dun cartaz composto por artistas punteiros no xénero e complementándose coa Mostra de Oficios Artesanais.
web intercelt
photo_camera Arriba esquerda Calum Stewart, abaixo Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. Arriba dereita banda escocesa nos 80 e edición do 2017.

Son moitos os anos que pasaron desde que a Escola de Gaitas de Semente decidira iniciar un festival de música tradicional co obxectivo de promocionarse e vencellado a unha das súas actuacións en Lorient (Bretaña). Desa banda saíron, como indica en declaracións a Nós Diario a concelleira de promoción económica e turismo de Moaña, Coral Ríos, "grandes gaiteiros como Iván Costas ou Anxo Lorenzo" que, a día de hoxe, seguen implicados na organización do evento.

Desde eses tempos, o que agora se coñece como o Intercéltico do Morrazo, pero que iniciou como o festival Nocturno celta do Morrazo, foi mudando no tempo. Desde o número de días de celebración até o número de artistas convidados.

Malia todo, hai cousas que permanecen e o festival conseguiu manterse no tempo, consolidándose como unha das citas clave  da música celta na Galiza e situándose como un dos festivais decanos neste xénero. Sentando con isto as bases de todos os festivais folk que o sucederon.

Hoxe comeza a XXXIX edición do festival. 39 anos ininterrompidos de historia e música que hai xusto 20 anos (en 2003) que se viron recoñecidos coa declaración de Interese Comunitario da Unión Europea e de evento de Interese Cultural  do Ministerio de Cultura.

Unha longa historia que, como indica Coral Ríos, se explica pola existencia "dun obxectivo común" que permitiu que "pesara a quen pesara e foran as ideoloxías que foran" o festival conseguira manterse como "unha máxima do departamento de Cultura".

Este ano, e por segunda vez consecutiva, os concertos do Intercéltico completaranse cunha variada oferta cultural de man da Mostra de Artesanía e Cultura Tradicional (A MOA). Unha  mostra que dá cabida aos diferentes artesáns e lutiers así como aos grupos da contorna. Unha actividade que, como explica a concelleira, funciona de forma "autoxestionada". Así, a pesar de que hoxe dan comezo as actividades e que se alongarán até o día 30 de xullo, o festival Intercéltico tal e como se coñece, cos seus respectivos concertos, comezará esta sexta feira día 28.

Dous días de música e festa nos que convivirán os sons de catro grupos de diferentes nacionalidades e linguas  que se darán cita a partir das 22 horas no paseo marítimo de Moaña para mesturar as novas tendencias da música tradicional coa súa visión máis folclórica.

Co obxectivo de facer un "Intercambio de culturas entre países celtas", como indica Coral Ríos, o Intercéltico aposta pola inclusión de grupos internacionais para compoñer un cartaz diverso e de tradición que permita "coñecer o que se fai noutros países, entendendo así que cousas temos en común e que cousas nos diferencian para, con isto, enriquecernos". En concreto, este ano os catro concertos que se sucederán no marco deste ciclo de actuacións correrán a cargo de dous grupos galegos, un irlandés e outro escocés.

Un cartaz punteiro

A configuración do cartaz resulta unha das claves do festival. O seu éxito nace da existencia dun comité organizador formado polos músicos Iván Costas e Anxo Lorenzo, encargados de investigar e achegarse ao Celtic Connecctions para coñecer os grupos punteiros do mundo celta. Algo que permite, segundo Coral Ríos, que o seu resulte un festival referente para o resto de eventos do xénero. Procurando con isto traer grupos que sexan "revelación ou conten con recoñecido prestixio, cousas que non estiveran na Galiza antes”.

Así, as encargadas de abrir a primeira noite serán Caamaño & Ameixeiras. O dúo, composto por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, mestura os sons do acordeón cromático coas melodías do violín e a voz. Un grupo que aposta principalmente pola música instrumental e que, despois de sacar o seu primeiro disco (Aire!) en 2021, veñen de publicar hai apenas unhas semanas o primeiro sinxelo do seu último traballo, A pequena morte, unha mestura entre tradición e modernidade en forma de muiñeira.

Os encargados de pechar esta primeira xornada serán os irlandeses Goitse, un quinteto que a través de guitarra, acordeón, piano e voz , completándose coa percusión do bodhrán ou instrumentos como o banxo, conseguiu grandes recoñecementos dentro e fóra das súas fronteiras. Chegando a recibir o premio a grupo tradicional do ano por Live Ireland no 2015 ou o Freiburger Internacional no 2016. Uns recoñecementos que se explican ante a súa calidade compositiva na que se procura a integración de melodías de zonas rurais.

A festa non remata aquí porque o sábado ás 22 horas segue a troula con Xabier Díaz e Adufeiras de salitre, xa coñecidos no festival pola súa participación en anteriores edicións. Nesta ocasión compartirán escenario coa zanfona de Iván Costas e o acordeón de Roberto Grandal. O último disco do conxunto, As Catedrais silenciadas, é o seu terceiro traballo como grupo e emprega a música tradicional para falar de temas como a despoboación ou o abandono do rural.

Finalmente, o cartel péchao  Calum Stewart que a través da súa frauta e en conxunto cos sons do contrabaixo e a cítara achega a música escocesa inspirada nas paisaxes e tradicións da súa terra. No seu último traballo (Tales from the north, 2023) introdúcense os ritmos dun step dance percusivo que invitará a bailar todo o festival.

A MOA

Para completar a oferta cultural, a Mostra de artesanía e cultura tradicional trae consigo un conxunto de obradoiros e actuacións máis centradas na cultura tradicional da contorna. Organizado polo concello en colaboración coa Asociación Moaña Antiqua, os obradoiros  desta actividade paralela buscarán achegar o baile galego e as danzas do mundo da man de Manolo Cobas e Suso Cancelas.

A música, pola súa banda, repartirase entre hoxe e o día 28. Así, hoxe e mañá as actuacións irán precedidas por un desfile tradicional que dará comezo ás 20.45 horas, mentres o día 28 os Pataghullos serán os encargados de amenizar a sesión vermú da mostra; pondo Estatalá e Monteira o fin de festa arredor das 20 horas para pechar a semana do Intercéltico de Moaña.

Comentarios