Un monográfico pon o ramo ao Ano das Letras de Fernández del Riego

Con esta entrega, os cadernos editados polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades chegan aos 20 anos de vida.

Francisco Fernández del Riego
photo_camera Francisco Fernández del Riego

Onte presentouse en Lourenzá o último volume da  colección Cadernos Ramón Piñeiro, titulado Francisco Fernández del Riego no río do tempo, editada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. 

O caderno, que pon o ramo á celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Don Paco, reúne perto de ducia e media de artigos nos que se abordan os principais aspectos da vida e da obra do autor de Vilanova de Lourenzá. Os diferentes ensaios dan conta do seu labor como intelectual e cidadán nos tempos da República, na Galiza da reconstrución posbélica, nos anos posteriores á ditadura e tamén nos primeiros pasos do século XXI, mais tamén se ocupan de facetas como o seu traballo como académico da Real Academia Galega (RAG) ou o seu compromiso coa Fundación Penzol. 

Outros traballos céntranse en diversas vertentes das súas angueiras literarias e de pensamento. Así sucede co seu traballo como tradutor, historiógrafo, lector cosmopolita, o seu interese pola filosofía galega, pola figura de Prisciliano, pola Nova Narrativa, as publicacións hemerográficas ou a súa amizade con figuras como as de Luís Seoane, Álvaro Cunqueiro ou Claudio Rodríguez Fer, entre outros asuntos tratados. 

20 anos dos Cadernos Ramón Piñeiro

Este caderno monográfico foi coordinado polos investigadores da Área de Literatura do Centro Ramón Piñeiro Tamara Andrés e Manuel Naveira Fuentes e polo director dos Cadernos Ramón Piñeiro, o profesor e crítico literario Armando Requeixo. 

Con esta entrega, a número 46, os Cadernos Ramón Piñeiro chegan xa aos seus 20 anos de vida repasando, entre outras asuntos, a vida e obra dos autores homenaxeados cada ano nas Letras Galegas.  

Comentarios