A sala Ártika de Vigo presenta esta fin de semana Perder a Lingua, unha proposta de artes vivas que relaciona a paisaxe do país e a lingua galega. Utilizando a danza, a música e as artes visuais, a peza propón unha viaxe sensorial para coñecer a Galiza a través da relación entre a forma do seu territorio e a súa fala.
A obra, creada, producida e interpretada por Eva Comesaña, Rubén Fernández e Eva Antelo, parte dunha investigación que relaciona os sons dun idioma coa forma dos accidentes xeográficos do espazo onde se fala.
Durante o estudo, os espectrogramas, a representación visual que identifica as variacións do son ao longo dun período de tempo, debuxaban unha liña moi similar á orografía do territorio galego. Esta similitude é o recurso usado pola propia obra para relacionar e reivindicar a paisaxe, a xente e o idioma.
Perder a Lingua reinterpreta os xestos do baile tradicional galego, así como o seu vestiario, e sonoridade á actualidade mesturando a tecnoloxía con danza contemporánea, música experimental e a videocreación con retallos que interpelan directamente á cultura do país.
Así, a escena acompaña ao público por unha narrativa inédita que lle mostrará a cultura galega dunha nova forma co obxectivo de concienciar e facer ver que as tradicións autóctonas están máis vivas ca nunca.