A RAG e Galiza Cultura conmemoran este 6 de marzo a figura de Luísa Villalta

Con motivo desta efeméride e dada a proximidade do 8 de marzo, o Día da Muller, a RAG detense en 'Papagaio', o poemario que escribiu para as fotos de Maribel Longueira sobre o derrube do barrio da prostitución da súa Cidade Alta.
A escritora Luísa Villalta. (Foto: RAG).
photo_camera A escritora Luísa Villalta (Foto: RAG).

A Real Academia Galega (RAG) conmemora esta cuarta feira, 6 de marzo, os 20 anos do falecemento da escritora Luisa Villalta, á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Con motivo desta efeméride e dada a proximidade do 8 de marzo, o Día da Muller, a RAG detense en Papagaio, o poemario que escribiu para as fotos de Maribel Longueira sobre o derrube do barrio da prostitución da súa Cidade Alta (o casco vello da Coruña). "Neste volume, publicado postumamente, Villalta mostra o seu perfil máis comprometido e feminista, nun momento de madurez creativa", explica a institución a través dun comunicado.

A esta obra, publicada en 2006, pertencen os versos cos que a institución abre nas redes sociais e no seu web o espazo 'Palabras de Luísa Villalta', un "mosaico" que porá o foco, a través de distintas pezas que o irán completando até o mes de maio, en fragmentos da súa obra con diversas palabras como guía.

A institución estrea ademais este un novo episodio da serie O Seminario de Onomástica responde, no que o filólogo da RAG, Iván Méndez, estudoso da toponimia coruñesa, expón as distintas hipóteses sobre a orixe e o significado do nome do Papagaio para designar a que foi a zona de prostitución da cidade.

O primeiro termo elixido para a sección 'Palabras de Luísa Villalta' é "amizade", que abre un poema no que a autora retrata o apoio mutuo que se brindaban as prostitutas do barrio do Papagaio.

Acto de Galiza Cultura no teatro Rosalía

Federación de asociacións culturais Galiza Cultura organiza esta cuarta feira 6 de marzo, no Teatro Rosalía de Castro, a partir das 20.30 horas, o primeiro grande acto de homenaxe e de celebración popular de Luísa Villalta, que neste ano 2024 protagoniza o Día das Letras galegas, nunha actividade aberta ao público e de balde.

Inaugurar o tempo da Xustiza. Celebrando a Luísa Villalta, será a actividade que a entidade federativa que engloba ao tecido cultural do país coa que se quere celebrar á creadora literaria e música en todas as súas facetas vitais: como poeta, como dramaturga, como ensaísta, como violinista e, tamén, como persoa coñecida e recoñecida por implicarse social e politicamente nun innumerábel ronsel de iniciativas cívicas e culturais que reclamaban dereitos e liberdades.

Comentarios