Galiza Cultura celebra a figura de Luísa Villalta nun grande acto de homenaxe

O primeiro grande acto de homenaxe e de celebración popular de Luísa Villalta, que neste ano 2024 protagoniza o Día das Letras galegas, terá lugar esta cuarta feira 6 de marzo, no Teatro Rosalía de Castro, a partir das 20.30 horas.
Luísa Villalta (Foto: Xosé Abad).
photo_camera Luísa Villalta (Foto: Xosé Abad).

A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura organiza esta cuarta feira 6 de marzo, no Teatro Rosalía de Castro, a partir das 20.30 horas, o primeiro grande acto de homenaxe e de celebración popular de Luísa Villalta, que neste ano 2024 protagoniza o Día das Letras galegas, nunha actividade aberta ao público e de balde.

Inaugurar o tempo da Xustiza. Celebrando a Luísa Villalta, será a actividade que a entidade federativa que engloba ao tecido cultural do país coa que se quere celebrar á creadora literaria e música en todas as súas facetas vitais: como poeta, como dramaturga, como ensaísta, como violinista e, tamén, como persoa coñecida e recoñecida por implicarse social e politicamente nun innumerábel ronsel de iniciativas cívicas e culturais que reclamaban dereitos e liberdades.

E precisamente, este grande acto de homenaxe decorrerá o 6 de marzo, data na que se compren 20 anos desde o seu repentino e inesperado pasamento, cando só tiña 46 anos, nunha actividade que quere ser de xustiza e de reivindicación da propia Galiza en si.

Deste modo, a programación deste evento comezará, despois da benvida do presidente da Federación, Xosé Manuel Carril, co recital poético Luísa Villalta na voz dos poetas, no que participarán Marica Campo, Xulio López Valcarce, Cesáreo Sánchez e Eva Veiga, compañeiros e compañeiras escritoras que, recorrendo da propia Luísa, declamarán a súa poesía e nos achegarán recitados os seus versos máis íntimos cos que a lembran.

A seguir, está prevista a intervención Luísa Villalta: "Eu renazo galega" de lembranza da súa figura a cargo da profesora e escritora María Pilar García Negro que nos achegará á Luísa Villalta máis intima e persoal, a activista comprometida e relacionada co tempo que lle tocou vivir e a súa implicación cos movementos sociais e políticos expresados a través da cultura e da súa obra, participante das actividades da Mesa pola Normalización Lingüística, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (de cuxa directiva fixo parte) ou do Foro Negro da Cultura nacido despois do naufraxio do Prestige .

Logo desta intervención a programación prevé sobre o escenario do Rosalía a escenificación dramática da pequena peza Concerto para un home só, publicada en 1989 nos Cadernos da Escola Dramática Galega, que correrá a cargo do actor Miguel Pernas Cora, precisamente quen a interpretou en outubro de 2004, na homenaxe realizada xusto após do seu pasamento.

A súa actuación será preámbulo para achegármonos a outra das paixóns de Luísa: a música e o violín. Así, terá lugar o concerto do Grupo Instrumental ‘Siglo XX’, con Florian Vlashi, violino, Luigi Mazzucato, viola, e Raúl Mirás, violonchelo, que interpretarán os temas de Paulino Pereiro O paseo das esfinxes. Op.49, (música escénica para a obra homónima de Luísa Villalta) 1990, I - II – III, e  tamén a adaptación de J. S. Bach do propio Paulino Pereiro, Transcrición da Suite núm. 3 para cello Op.296. Trío de corda. (2021), I Prelude, II Allemande, III Courante, IV Sarabande, V Bourrée, VI Gigue. Dáse a circunstancia que compositor e músico Paulino Pereiro, amigo persoal de Luísa, empregou o violín desta na súa despedida en 2004, acto dun grande contido emotivo e afectivo.

E xa para rematar, poñendo o ramo á data, subirá ao escenario Xurxo Souto que realizará a intervención O outro lado da música, título homónimo do ensaio de Luísa Villalta publicado en 1999, libro referente onde puxo en valor a mutua atracción que senten entre si a poesía e a música, e que nos achegará esa visión harmónica e cómplice, caras dunha mesma moeda, que tiña a poeta entre ambas.

Esta actividade está financiada grazas ás axudas do programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2024 da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Comentarios