A RAG inaugura a Primavera das Letras de Luísa Villalta

A institución presentou o seu proxecto web para o público infantil dedicado á protagonista do Día das Letras Galegas 2024
O alumnado teatralizou a historia de Babarro e Fernández.
photo_camera O alumnado teatralizou a historia de Babarro e Fernández.

O violín de Luísa Villata, a guitarra inglesa de Rosalía e unha pequena de pelo escuro e ollos da cor do loureiro preséntanlles a vida e a obra da protagonista do Día das Letras Galegas 2024 aos nenos e nenas no conto-biografía sobre a homenaxeada que xa pode descargarse en primaveradasletras.gal.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e a académica responsábel desta páxina web, Fina Casalderrey, inauguraron hoxe en Sada (comarca da Coruña) a nova edición do proxecto dixital, da man das comunidades educativas do CEIP Sada e do IES Isaac Díaz Pardo, onde a escritora foi docente de Lingua Galega e Literatura desde o ano 1991 até o seu pasamento no ano 2004. No acto tamén participaron Susana Villalta, irmá da homenaxeada, e o alcalde de Sada, Benito Portela.

Violino, Inglesa e o libro xigante

Xoán Babarro e Ana María Fernández son os autores do conto biográfico Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta, no que "achegan a xente miúda da maneira atractiva á nosa autora", salientou Fina Casalderrey. Xunto a estas dúas figuras de referencia da literatura infantil e xuvenil (LIX) do país desde a década dos anos 70 -recoñecidas con distintos galardóns-, traballou poñéndolle imaxes á historia o premio Nacional de Ilustración Óscar Villán.

A RAG ofrece ademais en primaveradasletras.gal unha serie de actividades interactivas arredor do universo vital e literario da autora que irán medrando nas vindeiras semanas, fichas para colorear e ligazóns de interese, e volverá convocar o concurso Contádenos o voso Día das Letras.

Nos vindeiros días, dentro da sección Lingua Guapa -que ofrece contidos alén da celebración do Día das Letras Galegas- estrearase así mesmo unha serie de entrevistas a autores da LIX do país nas que rememoran o seu espertar como lectores e escritores.

Comentarios