Día das Letras Galegas

Xerais publica estes catro libros sobre a vida e obra de Luísa Villalta

Montse Dopico, María Canosa, Eli Ríos, Beatriz Maceda e Xurxo Souto asinan estas obras.
Detalles das capas dos catro libros editados por Xerais sobre a vida e obra de Luísa Villalta.
photo_camera Detalles das capas dos catro libros editados por Xerais sobre a vida e obra de Luísa Villalta.

A editorial Xerais publica este ano catro títulos que analizan a biografía e a traxectoria de Luísa Villalta (1957-2004), a poeta homenaxeada polo Día das Letras Galegas de 2024. Montse Dopico, María Canosa, Eli Ríos, Beatriz Maceda e Xurxo Souto asinan estas obras, que teñen como obxectivo achegar a escritora aos lectores e lectoras.

Desde o pasado mes de decembro están xa nas librerías os títulos Luísa Vilalta. Melodía de palabras e Luísa Villalta. Alma de violino, pensados para que a cativada coñeza a obra e o legado da poeta. En xaneiro publicouse Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta, un libro que explica o vínculo entre a poesía e a música a partir da formulación da propia homenaxeada.

Por último, desde esta próxima quinta feira estará á venda Abonda con vivir, unha biografía feita coas memorias que gardaron de Luísa Villalta diferentes persoas que formaron parte da súa rede afectiva.

Luísa Villalta. Melodía de palabras

María Canosa relata nesta obra a biografía da poeta da Coruña para chegar ao público máis novo. A obra publícase na colección Merlín e inclúe imaxes da poeta e violinista. Un libro destinado principalmente a nenos e nenas a partir de 11 anos.

Luísa Villalta. Alma de violino

Eli Ríos, Beatriz Maceda e a ilustradora Laura Suárez uniron o seu traballo para crear un álbum ilustrado co que descubrir a Luísa Villalta a partir das palabras. Partindo de termos que definen a poeta, este álbum achega algunhas claves para coñecer a súa traxectoria como música e poeta comprometida.

Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta

En 1999 Luísa Villalta publicou O outro lado da música, a poesía, libro-referente, onde puxo en valor a mutua atracción que senten entre si a música e a literatura. Seguindo o seu método, Xurxo Souto penetra na selva vizosa da música galega contemporánea para procurar esa unidade primixenia.

Abonda con vivir. Luísa Villalta

Unha análise literaria, sociolóxica e histórica que percorre todas as mulleres que foi Villalta. Un diálogo, con forma de reportaxe, coas súas amizades para tentar explicar quen era Luísa e por que escribiu o que escribiu. Escrito pola xornalista Montse Dopico.

Comentarios